Gabino Diego, Miguel de Lira ou Juan Echanove, na tempada de teatro de Afundación en Pontevedra

Pontevedra
25 de outubro 2021

Magüi Mira, Miguel de Lira, Carlos Saura ou Juan  Echanove son algúns dos nomes dos profesionais das artes escénicas que se darán cita na Sede Afundación Pontevedra entre novembro e decembro. Os abonos, que supoñen un aforro do 20 %, poderanse adquirir na web Ataquilla. com

Chévere reflexiona con N.E.V.E.R.M.O.R.E. sobre a catástrofe do Prestige
Chévere reflexiona con N.E.V.E.R.M.O.R.E. sobre a catástrofe do Prestige / Chévere

A tempada de teatro de Afundación en Pontevedra desenvolverase entre os meses de novembro e decembro. Os abonos estarán dispoñibles na web Ataquilla.com desde o 26 de outubro ao 1 de novembro, aínda que tamén poderán adquirirse no propio despacho de billetes do centro os días 17 e 28 en horario de mañá e tarde.

Os abonos supoñen un 20 % de desconto con respecto ao prezo do billete individual. 

A programación comezará o 11 de novembro ás 20.30 horas coa adaptación dramática da novela de Mario Vargas Llosa "La fiesta del Chivo", baixo a dirección de Carlos Saura e con Juan  Echanove na pel do ditador Trujillo. A peza narra os últimos días do tirano da República Dominicana.   

O 18 de novembro á mesma hora, Chévere e o Centro Dramático Nacional presenta unha recreación, a partir de retrincos documentais dunha memoria colectiva, do desastre ecolóxico do Prestige. Baixo a dirección de  Xron, a obra conta con Miguel de Lira, Manuel Cortés ou Patricia de Lorenzo, entre outros.

O 18 de decembro, Gabino Diego e Carmen  Barrantes presentarán a nova obra dirixida e adaptada por Magüi Mira, "Los mojigatos". As novas realidades sociais, os novos tabús ou o desmaio de certas liñas vermellas nunha relación son algúns dos temas que se tratan nesta peza na que unha parella tenta atopar unha solución á falta de sexo na súa vida.