Cantos na Maré chegou ao seu final cunha gala na que participaron numerosos artistas como Kepa Junkera, Beatriz Nunes, Carlos Menezes, Celina da Piedade e Antonio Bexiga, aos que se sumaron a directora musical do Festival, Uxía, e varios dos intérpretes que subiron ao escenario durante os últimos días como Chico César, Selma Uamusse, Paulo Borges ou Tanxugueiras.
O concerto serviu para reivindicar a suma de pobos, de culturas, de talentos e de lusofonías. Os artistas interpretaron varios temas de maneira conxunta no auditorio do Pazo da Cultura e non faltou a interpretación do himno de Cantos na Maré e a homenaxe a Narf, o músico galego falecido en 2016 que foi un dos protagonistas durante os primeiros anos deste Festival Internacional da Lusofonía.
Nesta última xornada, o gaiteiro Suso Vaamonde e a Banda de Música de Pontevedra ofreceron un interesante recital de temas tradicionais no Teatro Principal.