Gala i Ovidio, Revólver e Fran Sieira + Caamaño & Ameixeiras, novas citas musicais para a primavera pontevedresa

Pontevedra
19 de febreiro 2026
Actualizado: 13:36

Con toda esta oferta, o Pazo da Cultura, o Teatro Principal e mesmo o Recinto Feiral acollerán nove concertos para públicos "moi amplos", entre os días 14 de marzo e 30 de maio

Gala i Ovidio e Fran Sieira + Caamaño & Ameixeiras
Gala i Ovidio e Fran Sieira + Caamaño & Ameixeiras / PontevedraViva

Pontevedra vivirá unha primavera chea de grandes citas musicais. Nove propostas pensadas para públicos "moi amplos" e que comporán unha programación "variada".

Así o destacou o edil responsable da área municipal de cultura, Demetrio Gómez, que celebrou que con toda esta oferta o Pazo da Cultura, o Teatro Principal e mesmo o Recinto Feiral "estean funcionando a tope" durante os próximos meses.

Moitos destes concertos, entre eles os de Sés, Yerai Cortés, Fillas de Cassandra ou Karmento, xa foran anunciados. A eles sumáronse este xoves os de Revólver, Gala i Ovidio, Fran Sieira + Caamaño & Ameixeiras, Nando Agüeros e Carla Lourdes + Javier Lago.

Sés, que presentará o 14 de marzo o seu novo disco, Nadando na incerteza, no Pazo da Cultura será a artista que abra esta tempada musical. Tras ela, nese mesmo escenario, actuará Yerai Cortés (24 de abril), un dos guitarristas máis prometedores do flamenco contemporáneo.

O 25 de abril, pola súa banda, haberá sesión dobre. As Canciones desnudas de Nando Agüeros soarán no auditorio do Pazo da Cultura, mentres que Aida Tarrío, compoñente de Tanxugueiras. e Raül Refree presentarán Gala i Ovidio, o seu novo proxecto musical, no Teatro Principal.

O Recinto Feiral será o lugar no que Fillas de Cassandra (9 de maio) estrearán Tertúlia, o seu novo disco, regresando aos grandes escenarios galegos após un ano de ausencia; e a artista folk manchega Karmento traerá ao Principal (15 de maio) a xira de despedida de La Serrana.

A música volverá ao Pazo da Cultura o 16 de maio coa actuación de Revólver, na que a banda liderada por Carlos Goñi, mostrará al público o seu novo disco, LA 03010; e o 30 de maio Carla Lourdes e o pontevedrés Javier Lago compartirán escenario no Principal.

Unha das citas que vai máis aló da música é a que protagonizarán o bailarín Fran Sieira e o dúo musical Caamaño & Ameixeiras. Será o 22 de maio no Teatro Principal. É o espectáculo Benquerer, que mesturará baile de raiz e música tradicional.

As entradas para todas as actuacións xa están á venda en Ataquilla.com, agás as de Gala i Ovidio e este último espectáculo de Fran Sieira e Caamaño & Ameixeiras, que se poderán mercar a partir do próximo 25 de febreiro.