'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' centrará a atención en Valencia no Día internacional dos Museos

Pontevedra
29 de marzo 2019

Será protagonista das actividades organizadas para o 18 de maio, que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas. A presidenta da Deputación anunciou que asistirá nesa xornada ao Museo da Prehistoria onde tamén homenaxearán a Fraguas como pontevedrés vencellado a arqueoloxía

Presentación de 'Galaicos, un pobo entre dous mundos'
Presentación de 'Galaicos, un pobo entre dous mundos' / Deputación de Pontevedra

A exposición 'Galaicos: un pobo entre dous mundos' está a recibir unha excelente acollida desde a súa apertura no Museo da Prehistoria de Valencia, segundo informaba Carmela Silva, presidenta da Deputación este xoves. A máxima responsable provincial avanzaba que a mostra será a protagonista das actividades que con motivo do Día Internacional dos Museos desenvolveranse o próximo 18 de maio.

A coincidencia coa celebración do Día das Letras Galegas non impedirá que a presidenta provincial viaxe ata Valencia. Alí renderá tamén homenaxe á figura de Antón Fraguas, a quen se dedica esa xornada. Fraguas, nacido en Loureiro, en Cerdedo-Cotobade, estivo vinculado coa sección de Etnografía, Foclore, Xeografía e Arqueoloxía a través do Seminario de Estudos Galegos.

Carmela Silva engadiu que se celebrará todo o que achegou Fraguas á cultura galega coa posta en valor de 'Galaicos' e coa presentación de produtos de Galicia, a través do programa ' Fame de experiencias'

A mostra 'Galaicos' permanecerá en Valencia ata setembro. Nela ofrécense datos sobre a importancia estratéxica do territorio galego durante a prehistoria e a historia antiga realizando un percorrido desde a Idade do Bronce ata o século VI.