O Auditorio Municipal de Ribadumia acollerá este sábado 1 de febreiro a exposición 'Palabra e Memoria', unha mostra que pon en valor o uso do galego nos cemiterios do municipio a través dos seus epitafios.
A iniciativa, que se inaugurará ás 18:30 horas, forma parte dun proxecto que naceu no IES Perdouro de Burela e que foi medrando por toda Galicia grazas á colaboración de numerosas persoas comprometidas coa lingua.
No caso de Ribadumia, o traballo de investigación correu a cargo de Ana Belén Vázquez Pardal, quen realizou unha exhaustiva catalogación fotográfica e documental dos epitafios en galego presentes nos camposantos do municipio.
Este labor non só busca visibilizar o uso da lingua propia como sinal de identidade na vida e na morte, senón tamén promover unha reflexión sobre a memoria e a identidade colectiva do pobo galego.
O acto inaugural incluirá, ademais da presentación da exposición, a colocación dunha placa conmemorativa no cemiterio parroquial de Ribadumia.
Esta acción, segundo o Concello de Ribadumia, é un xesto simbólico que pretende subliñar a importancia de preservar o galego en todos os ámbitos da vida e da morte.
A mostra permanecerá aberta ao público durante todo o mes de febreiro, e desde o Concello animan a toda a veciñanza e persoas interesadas na cultura galega a participar nesta iniciativa para preservar e dignificar o patrimonio lingüístico.