Gregory Porter, unha voz de ouro que pon fin ao 25 Festival Internacional de Jazz

Pontevedra
27 de xullo 2017

O californiano demostrou no escenario da Ferrería que é unha das grandes estrelas actuais do soul e do jazz mundial. Coa súa actuación rematan os grandes concertos co que se celebrou o 25 aniversario deste Festival

Concerto de Gregory Porter na Ferrería
Concerto de Gregory Porter na Ferrería / Diego Torrado

Con Gregory Porter, a gran voz da música soul e do jazz actual, concluía este mércores o 25 aniversario do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. 

O músico de Bakersfield demostrou sobre o escenario da praza da Ferrería as súas dotes vocalísticas. Con visera, pano branco no peto da súa chaqueta e co seu característico pasamontañas cubrindo o pescozo e os laterais da súa cabeza, o intérprete deu mostras da súa elegancia non só estilística senón musical para poñer o broche de ouro a esta edición do Festival que se converteu nun referente do jazz en Galicia.

Porter acompañado pola súa banda formada por Jahmal Nichols ao baixo; Emanuel Harrold á batería; Tivon Pennicott ao saxo tenor; Chip Crawford ao piano e Ondre J Pivec á fronte do teclado do órgano Hammond, logrou emocionar ao público coas súas cancións que tratan temas tan importantes como o amor, de política social e de protesta.

A música continuará nas Festas de Verán, agora con 'Paseantes', 15 concertos de pequeno formato en distintos puntos da cidade.