Gustavo Almeida e Teo Cardalda unen as súas voces en "Entre o ceo e o esquecemento"

Pontevedra
30 de outubro 2021

Entre o ceo e o esquecemento. Ese é o nome da canción que xurde da colaboración do cantautor Gustavo Almeida con Teo Cardalda, fundador do grupo Cómplices, unha das grandes voces da música española durante a 'movida' dos anos 80

Gustavo Almeida e Teo Cardalda
Gustavo Almeida e Teo Cardalda / PontevedraViva

Entre o ceo e o esquecemento. Ese é o nome da canción que xurde da colaboración do cantautor Gustavo Almeida con Teo Cardalda, fundador do grupo Cómplices, unha das grandes voces da música española durante a 'movida' dos anos 80.

Esta canción en galego abre o disco-libro Vértice, cuarto álbum da traxectoria discográfica de Almeida na lingua da súa terra de adopción, Galicia.

Coa produción de Nacho Mañó, Vértice promete ser un traballo cargado de matices e que demostrará que aínda nos queda moito por descubrir deste artista de orixe brasileiro.

A colaboración entre Gustavo Almeida e Teo Cardalda xurdiu tras unha chamada telefónica.

Almeida estaba convencido de que a interpretación do artista vigués e a relación da letra, que fala de camiñar e persistir, coa súa traxectoria era perfecta para que o tema tomara máis forza.