A vixésima edición do Premio Johan Carballeira de Xornalismo xa ten gañador, despois de que o xurado seleccionase a reportaxe 'Historia inacabada do deporte galego', de Héctor Pena, publicada en Nós Diario, como o mellor traballo presentado das 18 obras presentadas ao certame.
O xurado tomaba a decisión este venres 28 de abril e destacaba o traballo xornalístico de investigación levado a cabo polo autor para documentar diferentes ámbitos do deporte e a súa relación coa identidade do país.
A reportaxe fusiona o pasado, presente e futuro dos deportes galegos, facendo un percorrido desde o fútbol ata os deportes autóctonos con referencias a actividades populares e incluíndo competicións de traiñeiras e artes marciais. Tamén recolle datos sobre o deporte paralímpico e a perspectiva de xénero.
Héctor Pena é xornalista deportivo en Nós Diario, ademais de historiador do fútbol galego. Publicou os libros 'Historia do Trofeo Teresa Herrera' e 'Os Nosos'.
O premio Johan Carballeira, dotado con 1.500 euros, que concede o Concello de Bueu, naceu como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, coñecido como Johan Carballeira, que tamén foi alcalde da vila ata que o asasinaron os franquistas.
Esta mesma semana coñecíase o gañador do certame de poesía, que recalou enManuel López Rodríguez. Ambos os premios entregaranse nun acto público previsto durante a Semana das Letras Galegas.