Historias teatralizadas colorearán o concerto de Nadal da Banda de Música de Salcedo

Pontevedra
21 de decembro 2023

A actriz e directora teatral Cristina Collazo colabora no evento que se vai desenvolver durante o sábado 23 de decembro ás 20.00 horas no Pazo da Cultural de Pontevedra. O acto tamén promove a entrega de alimentos non perecedoiros dentro da recollida solidaria que impulsa a Fundación Provincial Banco de Alimentos (Fesbal)

Banda de Música de Salcedo
Banda de Música de Salcedo

Este sábado 23 de decembro, a partir das 20.00 horas, a Banda de Música de Salcedo subirá ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra para ofrecer o seu tradicional Concerto de Nadal, cita obrigada todos os anos nestas festas.

Nesta ocasión, a agrupación de músicos estará acompañada pola actriz e directora teatral Cristina Collazo que ofrecerá escenas teatralizadas de historias con argumento relacionado co Nadal.

Cristina Collazo dedícase fundamentalmente ao teatro infantil e formou parte como trompista da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, unha actividade que lle mantén moi unida a estas agrupacións. Traballou en series como 'Dalia', 'A modista' ou 'Rapa'.

A asociación Músico-Cultural San Martiño organizadora do evento lembra que este concerto se destina a público familiar, que poderá gozar dunha proposta nova.

A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio do Pazo da Cultura.

Desde a asociación San Martiño tamén inciden en que esta actuación promove a recollida de alimentos non perecedoiros, que serán destinados posteriormente á Fundación Provincial Banco de Alimentos (Fesbal), que instalará un punto de recollida no Pazo da Cultura.