Homenaxe a Martín Códax da Coral Polifónica cun concerto das sete cantigas de amigo

Pontevedra
01 de maio 2023

Este concerto vai celebrarse dentro do programa solidario 'Cultura por alimentos' e está previsto para este mércores 3 de maio ás 20.00 horas na sede de Afundación en Pontevedra. A actuación forma parte do programa do centenario da Coral e na conmemoración do Día das Artes Galegas, dedicado este ano ao trovador

Coral Polifónica de Pontevedra
Coral Polifónica de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Coral Polifónica de Pontevedra ofrece este mércores 3 de maio, ás 20.00 horas, na sede Afundación de Pontevedra o concerto das sete Cantigas de Amigo de Martín Códax, baseado na adaptación desas pezas para Coro mixto e piano do compositor e pianista galego Brais González.

Este concerto realízase en colaboración con Afundación e conmemora o Día das Artes Galegas 2023, dedicado ao trobador. Tamén forma parte do programa de actos do Centenario da coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025.

Ademais, o evento musical forma parte do programa 'Cultura por Alimentos', de maneira que o acceso ao concerto será a cambio dunha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no Auditorio para despois entregalos á Federación Española de Bancos de Alimentos.

O concerto das sete Cantigas de Amigo de Martín Códax baséase nos textos e melodías do Pergamiño Vindel e inspírase nos usos de tonalidades, ritmos e modos da música contemporánea, trasladando a esta época os textos orixinais pero sen modificar a forma nin o contido do recolleito no pergamiño.

A Coral Polifónica estará acompañada por Brais González, compositor e pianista; e os directores do Conxunto de Música Antiga Ars Longa, Teresa Paz (soprano e frauta de pico) e Aland López (laúde).

Utilizaranse instrumentos propios da época como a cítola, a frauta de pico ou o laúde. Precisamente a cítola foi creada polo mestre artesán-Luthier Antonio Franco Carreira no ano 2006, a partir dun modelo existente no Pazo de Xelmírez. A roseta é unha réplica dun dos instrumentos que figuran na fachada románica da Catedral de Santiago.