Homenaxe póstuma a Manuel Moldes no Museo co catálogo da súa última exposición

Pontevedra
04 de maio 2018

O Museo de Pontevedra vén de editar o catálogo que recolle a proposta expositiva e as obras que formaron parte da mostra Pontevedra Suite, a última que fixo en vida o pintor pontevedrés Manuel Moldes

Presentación do catálogo da última exposición de Manuel Moldes
Presentación do catálogo da última exposición de Manuel Moldes

O Museo de Pontevedra vén de editar o catálogo que recolle a proposta expositiva e as obras que formaron parte da mostra Pontevedra Suite, a última que fixo en vida o pintor pontevedrés Manuel Moldes.

A edición do catálogo, que foi reformulada tras o pasamento do artista, inclúe ademais un DVD con material audiovisual tanto da montaxe da exposición como das propias obras xa expostas.

Nel participaron persoeiros como Miguel Fernández Cid, Mariano H. de Ossorno, Ramón Rozas e Manuel Jabois, ademais do comisario e o coordinador da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, respectivamente.

Ademais de recoller toda a obra seleccionada para Pontevedra Suite, a publicación tamén inclúe fotografías da acción que realizara Manuel Moldes na cristaleira exterior do Sexto Edificio nos día previos á inauguración da mostra e tamén fotografías documentais da realización do mural O río da vida nas instalacións da UNED .

"Que a última gran exposición de Manuel Moldes tivese lugar no Museo da súa cidade, na que el naceu e a que el escolleu para vivir e para traballar, e que este catálogo recolla toda a obra que el seleccionou, sobre todo da década dos 80, que foi a súa etapa dourada como artista, confírelle un valor aínda maior a este catálogo", asegurou o deputado de Cultura, Xosé Leal. 

Con respecto ao catálogo, presentado este xoves no Sexto Edificio, o artista fora o encargado, no seu momento, de supervisar a súa estrutura e o seu contido, segundo explicou o director do Museo, Carlos Valle. A publicación recolle as obras que seleccionou o propio autor para reflexionar sobre a súa obra no período dos anos 80, "polo que pasou á historia da arte".

Pontevedra Suitereunía obra de Manuel Moldes do período comprendido entre os anos 1983 e 1987 e incluía preto de 50 obras, algunhas delas de gran formato, correspondentes a series especialmente significativas na súa carreira. O período temporal escollido coincidía, ademais, coa renovación artística galega que chegara naquel momento da man do Grupo Atlántica.