Homenaxe póstuma á "pegada imborrable" de Juan Carlos Meana no Museo de Pontevedra

Pontevedra
04 de agosto 2023

O Museo de Pontevedra inaugurou na tarde deste xoves 'Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas', unha exposición con 30 pezas das tres últimas décadas do artista. Poderase visitar no Edificio Castelao ata o 29 de outubro 

Inauguración da exposición 'Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas' no Museo
Inauguración da exposición 'Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas' no Museo / DUVI Uvigo

O Museo de Pontevedra inaugurou na tarde deste xoves 'Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas', unha exposición adicada ao artista e profesor de Belas Artes Juan Carlos Meana, falecido en xaneiro deste ano.

A mostra poderase visitar no Edificio Castelao ata o 29 de outubro e reúne arredor de 30 pezas das tres últimas décadas do artista.

Na inauguración participaron o director do Museo, José Manuel Rey; o decano da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Buxán Bran; e o comisario da mostra, Alberto Ruiz de Samaniego.

O director do Museo expuxo que "se algo sobresae na súa figura é a brillantez coa que compatibilizou a práctica artística coa investigación teórica, o pensamento e a transmisión de coñecemento" e engadiu que a exposición é unha "merecida homenaxe a un vasco de nacemento e galego de adopción que deixou unha pegada imborrable nesta cidade onde desenvolveu a súa vida e carreira profesional".

De Juan Carlos Meana destacou o director do Museo que "coa súa creación artística cuestionou constantemente o sentido da obra de arte".

A selección de obras permite facer un percorrido pola investigación creativa de Meana, na que os obxectos cotiás serven de punto de partida para indagar sobre a propia condición humana. Espellos, pastillas de xabón, ladrillos ou escuadras metálicas son parte do enxoval sobre o que o artista edifica unha proposta que anima o público a descubrir sentidos ocultos.

En palabras do propio Meana recollidas na exposición: "Que a arte é unha forma de coñecemento non me ofrece dúbidas, e nese formar un coñecemento constrúese un saber. Trátase dun saber amplo que comprendería un saber ver, un saber facer e un saber pensar".

Juan Carlos Meana Martínez (Vitoria-Gasteiz, 1964–Pontevedra, 2023) foi artista e profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo. Doutorouse en Belas Artes no ano 1993 na Universidade do País Vasco, e estudou na ENSBA de París (1987-1989) con Christian Boltanski e residiu en Galicia desde 1993. Na Facultade de Belas Artes de Pontevedra exerceu a docencia e, entre 2010 e 2015, foi o decano do centro.