A Deputación de Pontevedra exteriorizou este mércores o seu respaldo á XV Mostra e Festival Folclórico dos Trazantes de Tenorio, un evento que reunirá este sábado, 4 de xullo, o mellor da música e do baile tradicional no adro da festa desta parroquia de Cerdedo Cotobade.
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou no Pazo provincial os detalles desta edición, que conta co financiamento do programa provincial Culturea para a contratación do concerto do grupo Tanto Nos Ten.
Durante a presentación, Cubela gabou a traxectoria da agrupación organizadora, que acumula máis de catro décadas de traballo a prol do folclore galego. O deputado sinalou que os Trazantes de Tenorio constitúen un exemplo do labor que realizan os colectivos locais para protexer a identidade cultural.
Neste sentido, apuntou que a estratexia da Deputación busca espallar as actividades por todo o territorio para garantir que os concellos do interior e as parroquias de menor poboación teñan acceso a unha programación de calidade.
O festival deste sábado contará ademais coa participación convidada da formación asturiana L’esperteyu.
Desde o goberno provincial lembraron que esta colaboración se canaliza tanto polo plan Culturea como polas axudas específicas para entidades culturais.
A organización convidou a cidadanía a achegarse a Tenorio este sábado para gozar deste patrimonio inmaterial.
LOUREIRO CELEBRA SANTA ISABEL CON XANTAR POPULAR
Na mesma xornada do sábado 4 de xullo, Cerdedo Cotobade contará con outra importante cita grazas ás festas na honra de Santa Isabel de Loureiro.
O alcalde do municipio, Jorge Cubela, acompañado polo tenente de alcalde, Fernando Vázquez, e por integrantes da comisión organizadora, debullou a axenda da xornada.
O rexedor local agradeceu de xeito expreso o esforzo da veciñanza e dos membros da comisión de festas por sacar adiante de forma desinteresada un programa que promove a convivencia veciñal e dinamiza a vida do rural.
Os actos van inciarse ás 14:00 horas coa sesión vermú, que estará amenizada polo grupo Os Afoutes do Canón de Pau.
Posteriormente, as persoas asistentes poderán participar nun xantar popular que disporá de servizo de polbeiro, ademais de ofrecer empanadas, empanadillas e callos.
A xornada completará o seu apartado lúdico a partir das 16:30 horas cunha sesión musical a cargo da discoteca móbil Dolce Vita.