Este mércores 1 de xullo, o portavoz socialista Iván Puentes presentou unha ampla moción que se debaterá no pleno do luns 20 de xullo, na que recolle as demandas da asociación veciñal do barrio de Mollavao.
A iniciativa insta o Concello, a Xunta de Galicia e o Goberno de España a coordinar unha serie de intervencións urbanísticas, aproveitando que a reurbanización de Rosalía de Castro e a conexión coa autovía a través da parcela dos circos encaran a súa fase definitiva.
O texto salienta que a confluencia de competencias estatais e autonómicas (Costas, Estradas do Estado, Augas de Galicia ou Audasa) dificultou historicamente os investimentos na zona. Iván Puentes lamentou que sexa "un dos barrios de Pontevedra con máis necesidades de investimento" e apuntou que é "das poucas zonas da cidade que aínda vive á marxe da reforma urbana".
O portavoz do PSOE sinala que, máis alá das grandes infraestruturas en marcha, existen actuacións máis sinxelas e económicas que resultan esenciais para o día a día dos veciños.
A proposta socialista recolle modificacións substanciais na ordenación viaria unha vez rematen as obras de Rosalía de Castro.
O PSOE solicita que a rúa Simón Bolívar pase a ter dobre sentido de circulación ou, de manterse dirección única, que sexa exclusivamente de subida (entrada a Mollavao desde a avenida de Marín).
En paralelo, propoñen un cambio de sentido da rúa Licenciado Molina para que funcione como vía de baixada e saída do barrio.
As demandas dirixidas ao Concello inclúen as seguintes peticións:
Zonas de convivencia: Estudar a transformación da intersección entre as rúas da Ruibal, Raxado, da Fontesanta e Rosalía de Castro nun espazo con prioridade peonil.
Humanización integral: Estender os criterios estéticos e urbanos da reforma de Rosalía de Castro ao brazo sen saída onde se sitúan os números 45, 47 e 49, fronte ao colexio Juan Sebastián Elcano.
Retirada de vehículos: Limpar de xeito inmediato os automóbiles abandonados na vía pública, singularmente na parcela dos circos, evitando que o barrio reciba vehículos retirados doutras zonas, como ten sucedido con turismos que estaban no Campo da Torre e apareceron nese terreo.

Centro Social na vella Fenosa: Adquirir e rehabilitar o antigo transformador eléctrico situado entre Licenciado Molina e a avenida de Marín, preservando a súa arquitectura industrial para dotalo de funcións comunitarias nun barrio que carece deste tipo de instalacións.
O PSOE tamén expón un modelo alternativo para os terreos situados baixo o viaduto da AP-9, que choca coa visión do goberno local do BNG.
Mentres o executivo quere situar o aparcadoiro na zona máis próxima á Casa do Mar, os socialistas defenden o contrario: destinar a franxa pegada ao mar e ao paseo cara a Marín a equipamentos de lecer, parques e espazos deportivos, mentres que a área máis oculta (entre Rosalía de Castro e Fontesanta) acollería o estacionamento disuasorio.
No bloque dirixido á administración autonómica, Puentes reclama que non se perda a partida de 70.000 euros destinada a un parque infantil e área biosaudable, un proxecto que ía situarse inicialmente diante da gasolineira de Repsol e que a Xunta desbotou alegando atrancos administrativos. O PSOE pide que esta dotación se recupere e se constrúa fronte ao número 101 de Rosalía de Castro, antes da antiga parcela de Malvar.
Blasfémase tamén o desleixo no mantemento corrente, polo que esixen a limpeza periódica de beirarrúas e maleza na estrada PO-546. En relación aos servizos públicos, instan a Xunta a dialogar coa empresa que realiza o transporte de autobús entre Pontevedra e Marín para que se respecten todas as paradas, dado que as obras actuais provocaron a supresión efectiva de varios puntos de acceso, deixando desatendidos os usuarios.

As reclamacións dirixidas ao Goberno español céntranse na contaminación acústica e no desenvolvemento de convenios pendentes. A moción solicita que o viaduto da AP-9 entre no Plan de Acción contra o Ruído do Ministerio de Transportes.
Demandan a substitución das xuntas de dilatación da ponte, que provocan moito ruído, e a instalación de pantallas acústicas translúcidas en ambos os dous lados para mitigar as molestias na zona residencial e na contorna da futura comisaría.
Respecto ao solo estatal, o PSOE urxe a execución total do convenio co Ministerio de Defensa (INVIED) para rematar a praza pública e o novo edificio proxectado no espazo que ocupaban as vivendas militares demolidas.
Finalmente, supeditado a que a Casa do Mar mude a súa función para converterse na nova Comisaría da Policía Nacional nun prazo estimado dun ano, o grupo socialista propón adquirir a vivenda e a parcela lindeiras coa avenida de Marín. O obxectivo final é gañar espazo público e "construír unha nova fachada de Pontevedra cara ao mar", segundo explicou Puentes.
O portavoz subliña a necesidade de que calquera proxecto futuro, incluída a renaturalización da parcela dos circos, sexa exposto e acordado previamente coa Asociación Veciñal de Mollavao, unha entidade reactivada con xente nova que require un diálogo fluído para evitar a execución de plans sen o preceptivo consenso.