Inaugurada a exposición 'Aquela Nena de Sarria' sobre Xela Arias na Biblioteca de Vilagarcía

O Salnés
24 de maio 2021

Esta mostra, composta por doce paneis, recolle a época luguesa da escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Está elaborada polo Colectivo Egeria e permanecerá aberta ata o sábado 29 na antesala da Biblioteca municipal

Inauguración da exposición 'Aquela Nena de Sarria' sobre Xela Arias en Vilagarcía
Inauguración da exposición 'Aquela Nena de Sarria' sobre Xela Arias en Vilagarcía

Este luns 24 de maio inaugurábase a exposición 'Aquela Nena de Sarria', dedicada á etapa luguesa de Xela Arias na que se mostra tanto o seu amor polo rural que se manifesta pola súa querenza a Sarria como a súa vinculación co idioma.

Ao longo de doce paneis pódese realizar unha revisión dos poemas que o seu alumnado dedicoulle, do mesmo xeito que compañeiros e poetas. Tamén figuran fotografías facilitadas pola familia da autora e debuxos da pintora Sabela Arias. Entre as distintas obras pódense ler as denominadas Vilariñas, micropoemas especiais que contan con imaxes a través dos que un grupo de integrantes da Nova Poesía Guitírica lembra a figura de Xela Arias.

A mostra pódese visitar ata o sábado 29 no espazo da antesala da Biblioteca Municipal. Este traballo foi elaborado polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Consellería de Cultura e a colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega con motivo da homenaxe que se rende a esta escritora con motivo do Día das Letras Galegas.