Inaugurada en Carballedo unha mostra de Miguelanxo Prado con ilustracións para o libro 'Os animais de Fraguas'

Cerdedo Cotobade
25 de xuño 2024

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e a presidenta da Fundación Antonio Fraguas inauguraban esta exposición que permanecerá aberta de luns a venres. Será visitable en horario de 10.00 a 13.30 horas, previa solicitude de acceso na Casa Consistorial

Inauguración da mostra de ilustracións de Miguelanxo Prado sobre 'Os animais de Fraguas'
Inauguración da mostra de ilustracións de Miguelanxo Prado sobre 'Os animais de Fraguas' / Concello de Cerdedo-Cotobade

Este martes 25 de xuño inaugurábase a mostra de ilustracións do autor Miguelanxo Prado, creadas para o libro 'Os animais de Fraguas'.

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, e Concha Losada, presidenta do Padroado da Fundación Antonio Fraguas, presidían o acto inaugural desta exposición que se atopa no Centro Cultural Antonio Fraguas.

Representantes da corporación municipal e do Padroado acudían a este acto e aproveitaban para celebrar un encontro de traballo no Centro Cultural de Carballedo.

Rosa Méndez García, patroa do Museo do Pobo Galego e responsable da Biblioteca, foi a promotora de 'Os animais de Fraguas'. A idea xurdía ao catalogar o enorme legado do intelectual galego ao que se dedicou o Día das Letras Galegas de 2019.

Durante estes traballos descubriu uns manuscritos que contiñan interesantes anotacións describindo algunhas crenzas populares ao redor de diversos animais. 

Desta forma, o ilustrador Miguelanxo Prado encargouse de realizar un diálogo entre o texto de Antonio Fraguas e unhas imaxes que recollen esa cultura tradicional galega.

A mostra permanecerá aberta en horario de 10.00 a 13.30 horas e as persoas interesadas deberán solicitar o acceso nas oficinas da casa do concello.

Por outra banda, o Padroado da Fundación Antonio Fraguas, durante a reunión mantida este martes, avanzou que seguirá reivindicando a figura do intelectual Antonio Fraguas Fraguas para poñer en valor e divulgar o seu legado cultural.