Indignación contra unha sala de Sanxenxo que interrumpiu un concerto de jazz en galego por non ser do seu gusto

Sanxenxo
05 de agosto 2014

Os responsables do local decidiron interromper o concerto da vocalista Mónica de Nut e o guitarrista Virxilio da Silva cando ambos os dous comezaban a interpretar a terceira das cancións do seu repertorio. Cortáronlles o son, alegando que o seu estilo de música non era acorde co ambiente do local

Mónica de Nut, cantante e actriz
Mónica de Nut, cantante e actriz / www.monicadenut.com

A vocalista Mónica de Nut e o guitarrista Virxilio da Silva xamais podían imaxinar que o concerto que ían ofrecer o pasado 31 de xullo na sala Dux Sanxenxo ía xerar tanto balbordo. E todo porque os responsables do local decidiron interrompelo cando ambos os dous comezaban a interpretar a terceira das cancións do seu repertorio. Cortáronlles o son, alegando que o seu estilo de música non era acorde co ambiente do local.

A artista asegura que non é certo que a súa música non fose do agrado do público que se encontraba na sala. "O público estaba encantado, estáballe gustando, mesmo había xente que pasaba pola rúa, sentía curiosidade e ían entrar", lamenta. Pero xa non tiveron tempo. A pesar de que fora contratada expresamente para ofrecer un repertorio próximo ao jazz, xunto a Virxilio da Silva, non puido finalizar a súa actuación.

Tras baixar do escenario, foron a falar co encargado e este díxolles que non tocarán máis "porque houbera unha confusión na programación e non era do seu gusto a música", sinalou a Televisión de Galicia a propia Mónica de Nut, unha artista coñecida por mesturar de forma maxistral xéneros a priori tan diferentes como a ópera, o jazz, a música contemporánea e a música galega de raíz. Sorprendidos e avergonzados, decidiron recoller as súas cousas e marchar.

A indignación dos seguidores da artista viguesa, que se desprazaran ata Sanxenxo para gozar do concerto, xerou unha enorme ondada de críticas contra a sala a través das redes sociais. Tamén recibiu o respaldo de numerosos compañeiros de profesión. Nelas, moitos apuntaron que a verdadeira razón de que o concerto se interrompese é que a artista canta en galego.

Dende Dux Sanxenxo non quixeron facer aínda ningún tipo de valoración sobre o que aconteceu con este concerto.

Mónica de Nut e Virxilio da Silva, este último natural do propio Sanxenxo, estaban a presentar o disco Dos fíos invisibles chegan as cores (FreeCode Jazz Records), onde afondan na súa proposta de fusionar a música clásica, o folk, o jazz e o blues. Da Silva, formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, é xa un dos músicos de jazz de referencia dentro deste estilo en Galicia.

CLUB 1906 SUSPENDE TODOS OS SEUS CONCERTOS

A actuación de Mónica de Nut e Virxilio da Silva no Dux estaba organizada por Club 1906, unha marca vinculada con Estrela Galicia. Os seus responsables avalaron os dous artistas e avanzaron que non volverán programar concertos neste local de Sanxenxo. "Queremos mostrarlles todo o noso apoio. Lamentamos o episodio acaecido, do que Club 1906 é totalmente alleo", sinalaron a través do seu perfil de Facebook.

Aseguran que "seguiremos tendo a honra" de poder contar con ambos os dous artistas na programación musical que impulsan "gozando xuntos destes pequenos grandes momentos que sempre nos ofrecen e que non fan máis que reforzar o noso compromiso coa difusión do jazz e da cultura".

Neste sentido, Club 1906 decidiu suspender os outros dous concertos que ían celebrar en Dux Sanxenxo, en concreto as de Anxos Dorrio e de Coralie Yap-Chine Quartet. As tres actuacións serán reprogramados noutras salas, aínda que polo momento non teñen data.