A xornalista compostelá Inma López Silva recibiu este martes en Pontevedra o premio Fernández del Riego de xornalismo polo artigo "Terra rota", publicado La Voz de Galicia en abril de 2018.
O galardón, convocado por Afundación e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, premia anualmente a autores de artigos escritos en galego e publicados en prensa escrita ou dixital.
O artigo gañador da décimo sexta edición do premio Fernández del Riego é, segundo destacou o xurado, un texto que convida o lector a reordenar as súas prioridades e lembrarlle que existen cuestións de vital importancia para todos máis aló das vicisitudes diarias.
Nun discurso moi reivindicativo, no que López Silva defendeu o xornalismo "libre e crítico que remove conciencias", a autora defendeu o papel que o xornalismo debe desempeñar na sociedade porque sen el "non sempre temos o momento necesario para pensar como queremos organizar a convivencia".
"Iso é imposible sen as persoas que levantan a voz. Ese é o verdadeiro xornalismo", sinalou tras recoller o premio, que ten unha dotación económica de 6.000 euros e que dedicou aos xornalistas que "a pesar de ter todo en contra" seguen loitando por un "espazo de escritura creativa, libre e responsable".
Columnista en La Voz de Galicia e destacada escritora de ficción, Inma López Silva sumouse unha nómina de premiados entre os que se atopan nomes destacados como Santiago Lamas, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Darriba, Manuel Bragado, Luís Pousa, Tamara Montero, María Varela ou Santiago Jaureguízar.
No acto de entrega, que estivo presidido polo presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, os organizadores anunciaron que a próxima edición do premio, que recoñecerá ao mellor traballo xornalístico en galego publicado en 2019, a cantidade económica que recibirá o seu autor ascenderá aos 10.000 euros.