Cumpriu recentemente vinte e tres anos e tamén é recente a última novela que publicou. Inma Rubiales escribe novela romántica para público novo. A 'Nuestro lugar en el mundo' precedéronlle 'Mi conquista tiene una lista', 'Un amigo gratis', 'Dímelo cantando', 'Cántame al oído', 'Hasta que nos quedemos sin estrellas', 'El arte de ser nosotros' e 'Todos los lugares que mantuvimos en secreto'.
Empecemos por precisar. Sente cómoda neste tipo de xénero "de sentimentos, de amor, de moitos tipos de amor non só románticos, tamén de familia, de amigos..., pero si, sen dúbida e dígoo con orgullo porque me apaixona como lectora e como escritora".
Segundo inciso, público xuvenil "do segundo sector, de quince anos para arriba. Entre quince e vinte e cinco, máis que xuvenil algo parecido ao new adult. Sobre todo leme xente nova aínda que os pode ler calquera. Moitas nais lenas como comprobo nas firmas de libros, veñen coas súas nais ou as súas avoas".
Neste novo título recupera a dous personaxes da anterior novela que sendo secundarios, agora son os dous protagonistas. "Unha vez que a historia dos protagonistas estivo pechada ví que Nora e Luca tiñan unha historia que as lectoras querían que se desenvolvese. Esta é unha proba de que ás veces os personaxes rebélanse e fan o que queren. Si, quería escribir de Luca pero non o pensei con Nora".
A historia fala de segundas oportunidades. Inma Rubiales explica que ese mesmo exercicio tivo que facelo co personaxe de Luca para que nesta novela as súas lectoras désenlle unha segunda oportunidade respecto do que fora no libro precedente.
Tamén hai adiccións e pon a atención na saúde mental, temas sobre os que se asesorou previamente: "falo de saúde mental en todos os meus libros porque está presente no día a día. Creo que é un tema que debe ser tratado pero é tan complexo e delicado que hai que abordalo con respecto e documentándose moi ben. Traballo de xeito conxunto coa miña nai (é psicóloga), pregúntolle moitas cuestións e axúdame moito. Faime sentirme moi tranquila co que estou a transmitir".
Ela é unha persoa nova, o seu público é novo e emprega o streaming para que as súas lectoras escoiten as mesmas cancións que os personaxes da novela. Creou a lista 'Nuestro lugar en el mundo' en Spotify con cen cancións. "Escribo con música, son incapaz ás veces de escribir unha escena se non teño a canción axeitada. E así, tiña que escribir unha novela onde a música fose tan importante", explica no podcast 'Cara a cara'.
Toca preguntarlle igualmente pola edición publicada, con cantos deseñados, coidadas ilustracións e un póster na retiración da portada. Conta que "reflicte moi ben como o libro se converteu en obxecto de colección que gardar e coidar con moito mimo. Requiriu moito traballo, foi unha aposta importante da editorial e xunto a Vero Navarro, a ilustradora, que é marabillosa, coidamos até o mínimo detalle".