Inscritos 33 locais en Cabos Soltos para programar música, monólogos e outras mostras artísticas

Pontevedra
15 de outubro 2022

Os locais xa adheridos ao programa municipal poderán seguir promovendo actividades culturais de distinto tipo

Concertos de Cabos Soltos
Concertos de Cabos Soltos / Diego Torrado

O programa municipal de Cabos Soltos pechou as inscricións para os establecementos que queiran estar adheridos a esta rede cultural creada polo Concello de Pontevedra co fin de xerar un marco legal que permita actuacións e mostras artísticas nos locais da cidade.

En total son 33 establecementos os que forman parte da rede Cabos Soltos. Boa parte deles programan con frecuencia diferentes actividades de ocio, algúns cada fin de semana, e outros teñen unha periodicidade máis variada.

Desde o principio da iniciativa foron numerosas as citas que foron aparecendo baixo este paraugas, gozando de aceptación por parte do público e apostando pola convivencia da cultura en espazos distintos.

O Concello lembra que os artistas poderán seguir facendo o seu proceso de inscrición para figurar na base de datos do programa e na súa web oficial. Neste intre hai máis de corenta propostas artísticas distintas anotadas co fin de aparecer nesta listaxe e así promocionar os seus proxectos.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, sinala que "o ano que vén volveremos abrir este proceso para incluír novos establecementos" e insistiu en que "debe quedar claro que non se pecha o programa, só a inscrición, os locais que figuren agora mesmo dentro do mesmo poderán seguir programando actividades tal e como veñen facendo".

No seu día, o Concello sinalaba que Cabos Soltos nacía co fin de visibilizar a cultura de base, e para continuar apostando pola creación emerxente, "básica para manter a nosa política local de apoio á economía creativa, derivada do diálogo entre sector privado, tanto da hostalería coma coas profesionais da creación artística, e o sector público".