'Inventio' fascina o público co seu universo Xacobeo na primeira das cinco funcións en Pontevedra

Pontevedra
12 de novembro 2022

Trátase dunha proposta escénica galega de gran formato concibida para a diversión de toda a familia, na que se combina circo, maxia e danza. As entradas para as funcións do sábado e do domingo permanecen á venda na plataforma web entradas.ataquilla.coma>

Espectáculo 'Inventio'
Espectáculo 'Inventio' / Mónica Patxot

Inventio  arrincaba este venres coa primeira das cinco funciones que ofrecerán durante esta fin de semana no auditorio sede Afundación de Pontevedra ofrecendo un espectáculo para o público familiar cheo de imaxinación e de sorpresas. 

Nesta proposta escénica de gran formato combínanse o circo, a maxia e a danza con humor, misterio e fantasía xa que sobre as táboas tamén se mostran artes circenses, ilusionismo e elementos de comedia e drama. Ao longo do espectáculo ofrécense números de equilibrismo, malabares, audiovisuais, levitacións, maxia e xogos sonoros entre a música tradicional galega e a electrónica.

Nesta gran montaxe visual móstrase a paisaxe, a arte, a arquitectura e os costumes de Galicia provocando a fascinación do público de todas as idades. O mago Martín Varela dirixe este festival emotivo acompañado da dramaturxia de José L. Prieto e a dirección artística de Suso Montero. A dirección dos números de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña, mentres que os de circo chegan a través de Jorge Miquel. A dirección musical atópase baixo a batuta de José Trincado "Triki" e o ballet e as coreografías artísticas son obra de Mercedes Suárez. 

O argumento sitúase no ano 2094 cun planeta limpo, aséptico e ordenado cunha estética similar á dun quirófano de hospital, sen sentimentos e sen comunicación. Un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que desapareceu o Camiño de Santiago ao perderse na memoria. A partir de aí comeza unha aventura a través da cultura de Galicia.

Toda a información actualizada sobre o espectáculo e as entradas atópanse dispoñibles en www.inventio.gal. As entradas tamén se poden adquirir a prezos entre 15 e 25 euros máis gastos de xestión en entradas.ataquilla.com. Os menores de dous anos non pagan entrada sempre que non ocupen butaca e o público xuvenil ten desconto a través do Carné Xove.