Isaac Díaz Pardo, homenaxeado no Museo de Pontevedra polo Día das Artes Galegas

Pontevedra
25 de marzo 2025
Actualizado: 12:42

Haberá unha conferencia o xoves 3 de abril e un obradoiro o domingo 6 de abril dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. A inscrición abre este xoves, 27 de marzo, a partir das 10:00 horas

Homenaxe a Isaac Díaz Pardo
Homenaxe a Isaac Díaz Pardo / PontevedraViva

O Museo de Pontevedra súmase ás homenaxes a Isaac Díaz Pardo con motivo do Día das Artes Galegas e organiza unha dobre cita durante o mes de abril.

Organiza unha conferencia a cargo do escritor e investigador Xosé Ramón Fandiño e un obradoiro para nenas e nenos a partir de 6 anos impartido por Taller Abierto. 

Do intelectual destaca a Deputación de Pontevedra que é un artista, "home de acción" e "figura fundamental" da cultura galega do século XX.

O xoves 3 de abril ás 19:00 horas celebrarase no Edificio Castelao a conferencia 'Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso', impartida por Xosé Ramón Fandiño.

Investigador e escritor, Fandiño é membro do padroado do Museo do Pobo Galego, foi estreito colaborador de Díaz Pardo e é autor da biografía Isaac Díaz Pardo. A patria enteira na memoria (Ir Indo, 2008) e editor de O Ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo. Colaboracións xornalísticas (1963-2009) (Andavira Editora, 2018).

O obradoiro 'Creatividade e Tradición: Isaac Díaz Pardo e a súa Obra Plástica' desenvolverase o domingo 6 de abril de 11:30 a 13:00 horas no Edificio Castelao.

Trátase dunha actividade creativa na que as nenas e nenos participantes farán un percorrido pola traxectoria artística de Díaz Pardo e explorarán o seu universo plástico para recoñecer os trazos principais do seu estilo. O obradoiro será impartido por Taller Abierto.

 A inscrición abre este xoves 27 de marzo, ás 10:00 horas, a través de Whatsapp, no número 617 340 323 de Taller Abierto.

O Día das Artes Galegas foi instituído pola Real Academia Galega de Belas Artes para homenaxear unha figura destacada das nosas artes. Este ano está dedicado a Díaz Pardo.