Jaione Camborda grava en Arousa "O corno", a súa segunda película

O Salnés
28 de setembro 2022

A rodaxe, que arrancou o pasado 12 de setembro, estenderase ata finais de outubro por diferentes localizacións da Illa de Arousa e da fronteira portuguesa, na zona do Rosal. A súa estrea comercial está prevista para a segunda metade de 2023

Rodaxe de "O corno" de Jaione Camborda
Rodaxe de "O corno" de Jaione Camborda / Xunta de Galicia

A realizadora vasca Jaione Camborda, afincada en Galicia desde hai anos, está a gravar nas Rías Baixas a súa segunda película, un filme ambientado no rural galego chamado O corno.

A rodaxe, que arrancou o pasado 12 de setembro, estenderase ata finais de outubro por diferentes localizacións da Illa de Arousa e da fronteira portuguesa, na zona do Rosal.

A súa estrea comercial está prevista para a segunda metade de 2023.

Con O corno, Camborda volve poñerse detrás da cámara tras a estrea en 2019 da súa ópera prima, Arima, pola que obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla.

A súa segunda película, rodada en galego, está ambientada na Galicia rural dos primeiros anos 70 do pasado século para contar a historia de María, unha parteira que se ve obrigada a fuxir a Portugal a través dunha antiga ruta de contrabandistas.

A bailarina e creadora galega Janet Novas dálle vida á protagonista, no que é o seu debut como actriz de cine. Conta tamén coas interpretacións de Julia Gómez e de Diego Anido, aos que se une un elenco de actores non profesionais naturais das zonas de rodaxe.

O obxectivo é darlle máis veracidade e cohesión a todos os elementos da cinta.

Xunto coa propia Jaione Camborda, á fronte de Esnatu Zinema, son produtoras do filme Andrea Vázquez de Miramemira, responsable de películas como O que arde, de Oliver Laxe; e María Zamora de Elastica Films, produtora de Alcarràs, Oso de Ouro na pasada edición da Berlinale.

O corno conta, ademais, con participación belga e portuguesa.

A Xunta de Galicia subvenciona esta coprodución internacional cunha achega de máis de 260.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora