James Rhodes hipnotiza no Pazo da Cultura. "Sinto Galicia como a miña segunda casa"

Pontevedra
20 de maio 2019

O auditorio encheuse para gozar durante 90 minutos do mediático pianista británico, que interpretou pezas de Chopin, Beethoven, Bach e Grieg. O músico empregou o seu humor para explicar un repertorio con dúas caras, unha intimista e outra extravertida

Concerto de James Rhodes no Pazo da Cultura
Concerto de James Rhodes no Pazo da Cultura / Diego Torrado

Minutos antes de que James Rhodes aparecera no escenario do Pazo da Cultura, o público xa se atopaba en silencio, expectante e desexoso de que o coñecido pianista ofrecese as súas primeiras palabras e fixera soar as primeiras notas da noite. Pouco despois das 20.30 horas, o intérprete que vestiu de informalidade a música clásica aparecía baixo un foco cenital empregando un recurso galego, a dúbida: "Boas tardes ou boas noites", pronunciou en lingua galega ante os aplausos dos espectadores que enchían as butacas do auditorio.

A continuación gañaba definitivamente ao público: "Sinto Galicia como a miña segunda casa" e cun sorriso tivo unha referencia inevitable á cidade: "ese centro sen coches en Pontevedra es la hostia".

Xa sentado ao piano, James Rhodes abría o concerto cun preludio de Chopin para despois abordar unha sonata de Beethoven, outras dúas pezas máis de Chopin e unha obra creada para órgano por Bach, que o músico británico interpretaba ao piano explicando previamente as partes que formaban a peza e as dificultades que contempla. O contido do concerto moveuse, como explicaba o londinense, entre un mundo intimista e un espazo de expresividade dirixida ao exterior.

Entre o seu repertorio, Rhodes aproveitaba, empregando o castelán e o inglés, para ofrecer datos da personalidade dos compositores xerando empatía co públlico, entre o que se atopaba o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Cultura Carmen Fouces ou o concelleiro do PP neste mandato, José Luis Martín. Ademais, espectadores chegados desde puntos a máis de 350 quilómetros como Zamora ou de distintas localidades de Galicia asistían con entusiasmo a un concerto que se pechaba con dous bises ante las insistentes ovaciones.

No primeiro facía soar a melodía de 'Hall of the mountain king', da obra Peer Gynt, de Edvard Grieg, que interpretou con rabia amosando, segundo anunciaba, o que lle provoca Vox e Santiago Abascal. O músico remataba a peza cunha peineta dedicada a esta formación política.

O concerto pechábase cunha delicada obra que dedicou a Pontevedra. Tras a actuación subía un novo tweet agradecendo á cidade a acollida: "Unha bela audiencia e unha fermosa cidade".

 

 

* As imaxes desta información foron realizadas durante o ensaio previo no Pazo da Cultura, debido a que o artista non permite realizar fotografías durante o concerto. Esta sesión fotográfica, autorizada por James Rhodes, foi a petición expresa de PontevedraViva.