Jorge Núñez, o espectador que acabou actuando con Noni, o cantante de Lori Meyers, en El Náutico

O Salnés
09 de setembro 2025

Un mozo de Ponteareas, que contactou co cantante a través de Instagram, converteuse no inesperado protagonista da actuación que o líder de Lori Meyers ofreceu en San Vicente

Jorge Núñez actuando con Noni en El Náutico
Jorge Núñez actuando con Noni en El Náutico / PontevedraViva

Hai veces que unha oportunidade pasa por diante de ti. Hai dúas opcións, deixala pasar ou aproveitar o momento. O segundo é o que fixo Jorge Núñez, un mozo de Ponteareas que, case sen confiar niso, acabou subido ao escenario de El Náutico de San Vicente.

Foi durante a actuación que ofreceu por sorpresa este domingo Noni, o líder dunha das bandas máis representativas do 'indie español', os Lori Meyers.

Jorge viu, a través do Instagram de El Náutico, que o cantante estaba no local "e pregunteille se ían tocar". Quería ir velos porque a Lori Meyers "sígoos desde que era pequeniño".

O artista granadino contestoulle. "Díxome que ía estar el só facendo cancións con colegas en acústico", relata Jorge Núñez, quen non o pensou e díxolle que "se necesitaba un máis" el estaba disposto a subir ao escenario con el.

Pero a conversación quedou aquí. Non foi ata que o propio líder de Lori Meyers, no medio da súa actuación en El Náutico, preguntou onde estaba o mozo que lle escribiu por Instagram.

Jorge Nuñez actuando con Noni en El Náutico
Jorge Nuñez actuando con Noni en El NáuticoPontevedraViva

"Fíxome unha emboscada total", bromeou o mozo de Ponteareas, porque a canción que subiu a tocar con el á guitarra "non estaba pactada en absoluto".

El sabía moitas cancións de Lori Meyers, pero non foi ata que subiu ao escenario cando Noni preguntoulle que tema quería tocar. "Díxenlle que a miña canción favorita era Religión e el contestoume que entón tocabamos esa", subliñou Núñez.

E non só acompañouno á guitarra, sentado na cadeira que até entón ocupaba o propio Noni, senón que tamén se atreveu a cantar varias estrofas da canción.

Para el foi unha experiencia "brutal", por unha banda por actuar xunto ao seu ídolo e por outro por facelo no escenario de El Náutico, ao que leva vindo anos para gozar da música.

"No verán veño catro ou cinco veces. Escápome cando podo e veño até aquí", afirma.

A Jorge, a súa afección pola música vénlle desde pequeno. Empezou no conservatorio tocando piano e violín. Logo, pasouse á viola. Xa na adolescencia, explica, "empecei a tocar a guitarra cos meus amigos", cos que agora formou unha banda, Errantes.

"Imos empezar agora a gravar o noso primeiro EP con cancións nosas", asegura Jorge Núñez, que sinala que por agora "tocamos pola zona".

Quen sabe se este 'cameo' traeralle sorte ou se o propio Noni, tras actuar con el, animarase a apadriñar á banda que Jorge ten cos seus amigos, a eses Errantes de Ponteareas. "Esa sería boa", sentenciou o mozo músico.