José Manuel Rey, novo director do Museo de Pontevedra

Pontevedra
13 de abril 2019

A Deputación de Pontevedra presentou este sábado á persoa que sucederá a Carlos Valle na dirección do Museo, tras o concurso público aberto. " Sei o reto que  aumo", sinalou Rey, funcionario autonómico especializado en Patrimonio e que dirixiu nos últimos anos o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Presentación de José Manuel Rey como novo director do Museo de Pontevedra
Presentación de José Manuel Rey como novo director do Museo de Pontevedra / PontevedraViva

O Museo de Pontevedra ten novo director, a falta de que o Boletín Oficial da Provincia publique o vindeiro luns a resolución do concurso público convocado para substituír no cargo a Carlos Valle.

Trátase de José Manuel Rey García, funcionario autonómico especializado en xestión patrimonial e que nos últimos anos desempeñou o cargo de director no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

"Sei o reto que asumo", sinalou Rey no acto celebrado este sábado no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra co que a Deputación de Pontevedra, representada polo seu vicepresdente César Mosquera e o deputado de Cultura Xosé Leal, deu a coñecer a elección do xurado de expertos que analizou as nove candidaturas presentadas ao posto e os seus senllos proxectos para a xestión da institución durante os próximos anos.

"É unha autoridad mundial en prehistoria", sinalou satisfeito Mosquera sobre unha persoa que "é de Pontevedra e lle quere a Pontevedra". Ademais, defendeu, "empezou a súa carreira no Museo" e participou en intervencións patrimoniais na cidade como a escavación de restos arqueolóxicos na contorna da ponte do Burgo.

José Manuel Rey: "Gustaríame darlle unha maior proxección internacional ao Museo"

"Agardamos que siga facendo do Museo de Pontevedra un museo de referencia", sinalou pola súa banda Xosé Leal.

José Manuel Rey, que quixo lembrar na súa intervención o legado do seu antecesor no cargo, recoñeceu sentir "orgullo" de volver ao Museo de Pontevedra "30 anos despois" coa "satisfacción de dirixir o que hoxe xa é un referente".

Na súa primeira comparecencia como director da institución, explicou cales serán algúns dos seus obxectivos, como reforzar o compromiso social do Museo, fomentar o debate crítico, a investigación e a divulgación científica ou "darlle unha maior proxección internacional", para o que pediu aos traballadores "que se somen a unha visión compartida do Museo".

Ademais Rey falou de "tentar ser un museo máis próximo a unha sociedade multicultural" que atraia a novos públicos sen perder a súa esencia, para o que será necesario "unha oferta cultural e lúdica diferenciada" a través, entre outras ferramentas, da incorporación de tecnoloxías da información.