Juan de Sola Vollbrecht, xornalista de Onda Cero Pontevedra e colaborador de PontevedraViva, vén de publicar "Entre los muros del olvido".
O libro preséntase como unha crónica que recupera a vida de Ramón García Martínez, un almeriense nacido en Purchena que sobreviviu ao campo de concentración de Mauthausen durante a Segunda Guerra Mundial.
O libro, editado en tapa branda con 286 páxinas e cun prezo de 18 euros, narra a traxectoria vital dun home marcado desde a infancia pola pobreza, a perda temperá do seu pai e os duros traballos no campo.
Deportado a Mauthausen, García Martínez soportou condicións inhumanas, traballos forzados e un sufrimento físico e psicolóxico extremo nun dos campos máis brutais do réxime nazi.
No medio do horror, unha relación sentimental prohibida e un inesperado reencontro familiar déronlle forzas para resistir.
A obra combina o drama histórico cunha emotiva crónica de vida que resalta a dignidade, a memoria e a capacidade do ser humano para atopar esperanza nos escenarios máis escuros.
A presentación pública da biografía en Pontevedra está prevista para o venres 31 de outubro, a partir das 19.00 horas, no Edificio Castelao do Museo.
De Sola Vollbrecht, especializado en dereitos humanos, leva case tres décadas vinculado a Onda Cero, onde coordina espazos como "Contraparte".
Colaborou en diversos medios nacionais e internacionais en temas de inmigración, igualdade e xustiza social.
Desde 2007 mantén un compromiso con proxectos de cooperación en América Latina e África, e é fundador das ONGs Big Radio e Agareso. Entre outros recoñecementos, recibiu a Medalla ao Mérito Penal por impulsar unha emisora de radio no centro penal da Lama.
