Quen non soñou algunha vez en converterse en Jules Verne e vivir as súas aventuras.
Seguro que iso mesmo pensaron os nenos e nenas pontevedreses que acudiron este 26 de outubro a unha nova sesión de Domingos do Principal.
O ciclo de teatro familiar programaba este fin de semana a obra 'Verne', de Onírica Mecánica (Murcia).
Unha cita que convidaba a mergullarse no universo das novelas de aventuras creadas por Jules Verne e a imaxinar un futuro quimérico afastado do pesimismo actual, tal e como sinalaba a propia compañía teatral na explicación do espectáculo.
Unha oda en definitiva á imaxinación que se representaba como é habitual nun dobre pase, no Teatro Principal, ás 12.00 e ás 18.30 horas.

Tras esta cita Domingos do Principal tómase un respiro dunha semana, pola celebración de Todos os Santos e Defuntos, e regresará o domingo 9 de novembro.
Farao co espectáculo 'Molto Barroco, de Píscore Teatro'. Trátase dunha comedia que combina música, baile e actores cunha divertida historia dun rei que encarga unha obra para a pedida de man da súa futura raíña.
Esta peza foi seleccionada para o Certame Barroco Infantil do Teatro Clásico de Almagro en 2024.
