A programación musical da Sala Karma de Pontevedra parece coller un 'ritmo de cruceiro'. Ata oito grandes concertos, que se repartirán entre os meses de novembro e decembro, anunciaron este martes os seus responsables.
De todos eles, ata o de agora, só transcendera a actuación de Ortiga, adiantada por PontevedraViva, para o próximo 17 de decembro dentro do ciclo Momentos Alhambra.
Esta oferta ampliada comezará o sábado 6 de novembro co concerto de Rufus T. Firefly, mentres que Los Bengala (sábado 13) e Los Motores + Roberto Beade (sábado 20) serán as seguintes actuacións musicais na sala.
L.A., a banda mallorquina liderada por Luís Alberto Segura, actuará en Pontevedra o venres 26 de novembro, tras o cal pechará o mes o concerto que protagonizarán Los Eternos e Gold & Colt ao día seguinte, o sábado 27.
Xa en decembro, a xira Vibra Mahou traerá á Sala Karma aos galegos Grande Amore (sábado 11) e, despois do concerto de Ortiga, o broche de ouro a estes dous meses de concertos poñerao Bigott (sábado 18).
As entradas para estes concertos, que comezarán ás dez da noite, xa están á venda a través de diversas plataformas como Woutick e Wegow.