La Raíz e Terbutalina, primeiras confirmacións do SonRías Baixas 2018

Bueu
26 de xaneiro 2018

A de Bueu será a única cita en Galicia da xira de despedida da big band valenciana, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado, mentres que os enfants terribles do garage punk galego presentarán no multiusos da Estacada o seu novo traballo, A casa da Tolemia, co que queren dar un cambio de rumbo ao proxecto  

La Raíz
La Raíz / SonRías Baixas

La Raíz e Terbutalina, dúas propostas de descarga musical festiva e combativa, protagonizan o primeiro avance do cartel da XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto.

La Raíz terá este verán no SonRías Baixas a súa única parada en Galicia. A big band valenciana, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado español, chegará a Bueu para facer vibrar o público co seu directo único e arrollador que transcende estilos e etiquetas. 

Rock, ska, hip hop, ventos, distorsión, letras comprometidas e melodías vocais caracterizan un tremendo e exitoso directo que fará ao público berrar, máis alto ca nunca, o lema da banda: “¡guerra al silencio!”.

Terbutalina, os enfants terribles do garage punk galego, abren nova etapa este 2018 con A Casa da Tolemia, un novo proxecto e un cambio radical de formación que presentarán en Bueu.

Os Terbutalina chegan, por fin, ao SonRías Baixas, despois de encher salas e festivais de toda a península, de conseguir colgar o cartel de sold out na maioría de salas do país e de conquistar o premio ao mellor álbum en galego de 2014 nos Premios da Música Independente e o premio María Casares 2017 á mellor música orixinal na obra Eroski Paraíso.

As entradas para o festival están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 25 euros máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.