'Las altas presiones' de Ángel Santos estrearase o 8 de maio en cines de toda España

Pontevedra
26 de marzo 2015

Las altas presiones estrearase ante o gran público, grazas a Márgenes Distribución, despois do éxito que obtivo en festivais e eventos previos

Trailer da película "Las altas presiones", do pontevedrés Ángel Santos / Matriuska Producciones

8 de maio. Esa é a data elixida para o debut comercial de Las altas presiones, a segunda longametraxe do director pontevedrés Ángel Santos. A partir dese día, os espectadores poderán vela en salas de cine de toda España.

Las altas presiones estrearase ante o gran público, grazas a Márgenes Distribución, despois do éxito que obtivo en festivais e eventos previos.

Tras o seu debut internacional na vixésima edición do Festival de Cine de Busan (Corea do Sur) e obter o premio Las Nuevas Olas na XII edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla, a película recentemente proxectouse na Sección 'Panorama' da XVI edición do Festival de Cine de Las Palmas. Ademais, o próximo mes de abril participará no Festival de Cinema D'Autor de Barcelona 2015.

Andrés Gertrúdix (El árbol magnético, 10.000 noches en ninguna parte) dá vida en Las altas presiones a Miguel, un mozo que regresa nunha viaxe de traballo -buscando localizacións para unha película allea- á súa terra natal: ao verde do campo e o azul do mar esborranchados polas ruínas industriais da ría de Pontevedra.

A súa viaxe lévao de regreso ao lugar no que creceu, ao reencontro con vellos amigos, pero tamén, á posibilidade dunha nova relación: Alicia, unha moza enfermeira que conseguirá tranquilizalo. Miguel tratará de levar a termo o seu traballo aínda que case sempre prefira gravar os paisanos cos que se encontra, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar.

O seu director define o filme, cuxa montaxe realizou Fernando Franco (La herida), como unha viaxe en torno ao desarraigamento (o cine) e o amor.

Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco e Xabier Deive, xunto a Marta Pazos e Hugo Torres son o resto dos membros do seu elenco.

Producida por Matriuska Producciones, Las altas presiones rodouse co apoio de Televisión de Galicia, Agadic e do Concello de Pontevedra. ÿ a segunda película de Ángel Santos tras Dos fragmentos/Eva (2010) e as curtametraxes El cazador, Adolescentes, Fantasmas #1 y #2, Sara y Juan o Septiembre