A lectura e a creación literaria volven ser protagonistas con 'Ler (en)' e 'Escribir (en) Pontevedra'

Pontevedra
30 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:53

O Concello impulsa a lectura e a creación literaria con cinco encontros con autoras e autores galegos e un taller narrativo coordinado por Manuel Lourenzo

Demetrio Gómez e Manuel Lourenzo
Demetrio Gómez e Manuel Lourenzo / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra reafirma a súa aposta pola literatura e a cultura coa continuidade do club de lectura 'Ler (en)' e o taller de narrativa 'Escribir (en) Pontevedra'.

Ambas as propostas, de carácter gratuíto, están abertas á inscrición a través de apúntate.pontevedra.gal.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, acompañado polo escritor Manuel Lourenzo, presentou ambas as actividades este venres subliñando que "Pontevedra é unha cidade literaria que non ten nada que envexarlle a ninguén", coincidindo co editor Manuel Bragado, homenaxeado no Salón do Libro, en que a literatura ten unha parte social e colectiva que é moi importante. En Pontevedra somos especialistas niso: aí están o Salón do Libro, as rutas literarias, Ponteatro ou Domingos do Principal", sinalou.

A programación de 'Ler (en) Pontevedra', que comezou en outubro, retoma a súa actividade este mes de febreiro con cinco novos encontros que se desenvolverán até o mes de xuño. Serán sempre ás 19.00 horas e combinarán a charla cos propios autores e autoras en espazos emblemáticos da cidade para falar dalgunha das súas obras.

O mércores 25 de febreiro será a quenda de Fina Casalderrey con 'A muller xabaril' (Edicións Xerais de Galicia), o 25 de marzo tocaralle a Sara Vila con 'O incendio' (Edicións Xerais de Galicia) e o 29 de abril participará Tamara Andrés con 'Eu son de aquí e de alá' (Editorial Galaxia).

Xesús Constenla falará de 'Doce voz de megafonía' (Edicións Xerais de Galicia) o mércores 27 de maio e, por último, Manuel Lourenzo presentará o xoves 25 de xuño a súa obra 'Cegoñas no fondo da ría' (Urco Editora).

Baixo a coordinación do propio Manuel Lourenzo, o programa 'Escribir (en) Pontevedra' ofrecerá unha nova oportunidade para quen desexen penetrarse no proceso creativo literario.

Trátase dun taller de narrativa para un máximo de 15 participantes que se celebrará os xoves 12 e 26 de marzo e 16 e 30 de abril, de 18.30 a 20.30 horas no Pazo da Cultura.

Lourenzo explicou que o curso se centrará "en aprender do que xa está feito, de mestres anteriores, técnicas de escribir e xéneros nos que moverse".