Lecturas abertas en Pontevedra e espectáculo infantil en Marín para celebrar o Día de Rosalía

Pontevedra
19 de febreiro 2024

O centro social de O Gorgullón acolle a iniciativa prevista polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Escritores/as en lingua galega

Caricatura de Rosalía de Castro
Caricatura de Rosalía de Castro / Universidade de Vigo - Vicerreitoría do campus de Pontevedra

O próximo 23 de febreiro celebrarase o Día de Rosalía con motivo do aniversario do nacemento da escritora compostelá. Unha celebración que desde o ano 2022 a Xunta acordou adiantala vinte e catro horas despois de atoparse documentación que acreditaba que a data do natalicio era o 23 e non o 24 de febreiro.

En Pontevedra, a programación organízase en colaboración coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega.

O día 23 ás 20 horas no centro social do Gorgullón haberá un acto aberto a calquera persoa que queira sumarse á lectura de textos de 'Cantares galegos' e 'Follas Novas'. Estará conducido por Miriam Ferradáns, encargada ademais da lectura do manifesto.

A ambientación correrá a cargo do colectivo O Froito e a serpe. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico a [email protected], facendo constar o nome da persoa/s interesada en facer unha lectura, se representa algún colectivo e o texto escollido.

Pola súa banda, o Concello de Marín mira ao público infantil para esta data. Ás 18.00 horas na biblioteca pública Vidal Pazos comezará o espectáculo 'Cantamos con Rosalía' dirixido ao público infantil e que correrá a cargo do músico e compositor madrileño, fincado en Galicia, Luis Vallecillo.