A escritora Ledicia Costas foi este xoves unha invitada de excepción no Concello de Pontevedra, protagonista da recepción oficial pola concesión do premio Barco de Vapor 2025 e madriña da nova edición da Festa dos Libros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, recibírona para felicitala polo seu recente éxito e, aproveitando a recepción, presentaron a Festa dos Libros.
A cita literaria, xa un imprescindible na programación cultural de Pontevedra, regresará á Praza da Ferrería entre os días 4 e 6 de xullo.
Costas non poderá asistir, pero si quixo dar o seu apoio a esta cita da que é xa unha fiel participante. Definiuna como "un espazo de convivencia" nun "espazo icónico" de Pontevedra como a Praza da Ferraría, "onde están a convivir libreiros, libreiras, lectores, escritoras, ilustradores..." e "iso é unha marabilla".
"Lamento non poder estar, pero prometo estar sempre que poida, tanto na Festa dos Libros como no Salón do Libro", indicou a escritora que quixo dar todo o seu apoio, animando á cidadanía a gozar desta cita.
Demetrio Gómez avanzou que xa hai cartel para a nova Festa dos Libros que ten confirmadas 12 librarías: Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Librería Paz, Librería Antología, Librería Metáfora, Librería Seijas e Mononoke.
Tamén teñen confirmadas 49 autoras e autores e actividades moi variadas, centradas na ilustración, faladoiros con xornalistas, unha homenaxe ás protagonistas das Letras Galegas 2025, a entrega do premio Pinto e Maragota, recitais poéticos e música en vivo cunha sorpresa dun grupo de Pontevedra "moi pouco coñecido".
Lores destacou a traxectoria de Ledicia Costas e o seu compromiso coa literatura infantil e xuvenil galega e felicitouna polo seu premio, que recibiu pola obra Feriópolis.
Aproveitando a recepción, Costas mostrouse "moi emocionada" por recibir este recoñecemento por parte do Concello, ao ser Pontevedra unha cidade á que sente "moi apegada", onde "sempre fun moi coidada", e que destacsa polo seu compromiso coa lingua galega e coa diversidade.
Deixoulle un libro dedicado ao alcalde co seguinte texto: "Para o alcalde desta cidade marabillosa. Con amor, esta historia que latexa ao compás das festas de verán".
