Lendakaris Muertos sacode Pontevedra co seu punk irreverente no arranque das Festas da Peregrina

Pontevedra
10 de agosto 2025
Actualizado: 9:30

A veterana banda navarra, que celebra 20 anos sobre os escenarios, conquistou a Praza de España co seu acedo humor. Este domingo será a quenda de Marina Reche

Concerto de Lendakaris Muertos

A Praza de España de Pontevedra transformouse onte nun fervedoiro do punk rock coa actuación de Lendakaris Muertos, que abriu con enerxía os concertos da Semana Grande das Festas da Peregrina.

A banda pamplonesa, que celebra dúas décadas de traxectoria, despregou o seu característico arsenal de "canciones-colleja" ante un público entregado que coreou as súas irreverentes letras.

O grupo, liderado por Aitor "Ibarretxe" nas voces, ofreceu un contundente repaso á súa discografía, incluíndo temas do seu último traballo "Mucho asco (casi) todo", onde manteñen intacta a súa capacidade para detectar "gilipolleces" e repartir críticas a destra e sinistra: desde políticos ata futboleiros, pasando por "cayetanos" e "pelotas de oficina".

A actuación tamén serviu para confirmar o regreso dun dos fundadores e ideólogos da banda, Asier "Aguirre", quen se reincorporou ás guitarras tras unha década de ausencia.

Os navarros, que volverán ás Rías Baixas o vindeiro 13 de setembro para participar no Festival Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), demostraron que manteñen intacta a esencia punk que os caracterizou durante estes vinte anos: velocidade, contundencia e un ácido sentido do humor que non deixa monicreque con cabeza.

A programación musical das Festas da Peregrina continúa hoxe domingo con dúas propostas moi diferentes.

A Praza da Ferrería acollerá desde as 21:00 horas o Festival de corais, coa participación da Coral Alameda do Fogar do Maior, Coral Bella Helenes, Coral Helénica, Coral Polifónica de AC do Chopo, Coral Airiños de Campañó e Coral Pontis Veteris.

Na Praza de España, a partir das 22:30 horas, actuará Marina Reche, cantante e modelo española, irmá da tamén cantante Alba Reche.