O Lérez Up 2025 xa ten datas: será os días 13 e 14 de setembro

Pontevedra
23 de maio 2025

O Recinto Feiral volverá ser un punto de encontro interxeracional para familias, mocidade e persoas adultas apaixonadas polos videoxogos, o cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo

Lérez Up 2024
Lérez Up 2024 / Cristina Saiz

Os organizadores da Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki da cidade, a asociación Gaming Troop, desvelou as datas nas que se celebrará a que será a súa cuarta edición.

Os días 13 e 14 de setembro o Recinto Feiral volverá ser un punto de encontro interxeracional para familias, mocidade e persoas adultas apaixonadas polos videoxogos, o cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo.

O Lérez Up regresará con novas actividades como obradoiros, charlas, competicións e espazos pensados para todo tipo de públicos e o fará acompañado dun cartel deseñado pola artista pontevedresa Paula Cheshire, creadora dos cómics Meigatas e El Duelo.

Entre as actividades xa confirmadas para este 2025, destaca o torneo nacional de Smash Bros Ultimate, cuxas inscricións xa están abertas. Esta competición, que se converteu nun clásico dentro do salón, logrou atraer en edicións anteriores a xogadores de toda España e Portugal.

Tamén se abrirán prazas para os stands de artistas, un dos espazos máis concorridos do Lérez Up, dirixidos a ilustradores, artesáns e creadores que desexen mostrar e vender o seu traballo.

Ademais dos espazos para artistas, haberá tamén unha zona destinada a postos comerciais, onde empresas e negocios locais poderán ofrecer os seus produtos ao público.

O concurso de cosplay contará cun xurado profesional de excepción: Skullcaramel, recoñecida cosplayer asturiana, e a madrileña Puchiluhserán as encargadas de valorar as caracterizacións e actuacións das persoas participantes.

A cita volverá encher o salón de actos con máis de 300 persoas para admirar os traxes feitos a man e as interpretacións en escena, o que o converte nunha das actividades con máis seguimento da fin de semana.

Entre as actuacións destacadas, o compositor e produtor galego Yell0 volverá subir ao escenario do Lérez Up cun novo concerto en directo no que combina música electrónica con reinterpretacións de bandas sonoras de videoxogos.

A programación deste 2025 incluirá ademais unha zona indie dedicada a estudos e desenvolvedores de videoxogos independentes, que permitirá aos equipos presentar os seus proxectos ao público asistente, recibir opinións, xerar comunidade e establecer contactos con outros profesionais do sector.