Literatura, cinema, teatro e contacontos na fin de semana máis cultural de Poio

Poio
21 de outubro 2022

A sede da comunidade de montes de Combarro, o centro cultural Xaime Illa de Raxó e a biblioteca de Campelo acollen estas actividades de entrada gratuíta para todos os públicos

Sede da Comunidade de Montes 'Rega dos Agros' de Combarro
Sede da Comunidade de Montes 'Rega dos Agros' de Combarro

A sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro acollerá este venres 21 de outubro, ás 20 horas, a presentación do libro ‘Tambo, la isla en el tiempo’. José Manuel Pidre Novás fará un exhaustivo repaso á historia desta emblemática paraxe neste coloquio que forma parte das actividades que, desde o Concello de Poio, se impulsan para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico Artístico.

Ao día seguinte, o sábado 22 de outubro ás 21 horas, proxectarase no Centro Cultural Xaime Illa o filme ‘Malencolía’. A película, dirixida por Alfonso Zarauza, corresponde ao Ciclo Mestre Mateo, impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, e ao que está adherido o Concello de Poio.

Na xornada do domingo chega o teatro da man dos Quinquilláns con ‘A señora de Forcadela’, unha peza teatral inserida no programa da institución provincial "O pasado por vir". A cita será tamén no Centro Cultural Xaime Illa, desta volta, ás 19 horas.

O luns 24 conmemórase o Día das Bibliotecas e, na Biblioteca Pública Municipal de Campelo, organizan “Sopìcontos”, unha contada de tres divertidas historias cun fío común moi sorprendente: a sopa. O contacontos comezará as 17.30 horas e, como o resto das actividades, a entrada será de balde ata completar o aforo.