Literatura, ilustración e teatro no III Congreso Internacional de Mediación Lectora

Pontevedra
11 de febreiro 2020

Os días 26, 27 e 28 de marzo vaise celebrar o III Congreso Internacional de Mediación Lectora no marco do XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa temática deste ano é o humor e con múltiples actividades. Acudirán autores de renome como a pontevedresa Fina Casalderrey e o escritor Jordi Sierra i Fabra

Presentación del III Congreso Internacional de Mediación Lectora Sara Iglesias

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, xunto coa profesora da Universidade de Vigo Eulalia Agrelo e o representante do vicerreitorado Manuel Morquecho, presentou o III Congreso Internacional de Mediación Lectora  que se vai levar a cabo os días 26, 27 e 28 de marzo no marco do XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa temática deste ano é o humor.

Esta terceira edición do congreso conta cun programa moi completo, con obradoiros de literatura, lectura, ilustración, novas tecnoloxías e videoxogos, mesas redondas, poesía, teatro, conto oral e banda deseñada.

Este ano, o país convidado é Italia e como representación acudirá o pedagogo Francesco Tonucci, que dará unha conferencia chamada Por qué la infancia, na que reflexionará sobre conxunto da súa actividade como investigador ao redor do mundo da infancia. 

O III Congreso Internacional de Mediación Lectora, celebrarase a prol das persoas que traballan entre o consumidor final de literatura, que neste caso son os nenos e nenas, e o mercado do libro. Durante esas tres xornadas o congreso vai xirar ao redor do humor, un elemento fundamental que nos permite ter un momento de distensión, e ofrecer unha ollada crítica da sociedade a partir da cal "podemos rexenerarnos" manifestou Agrelo, citando a Castelao. 

Esta iniciativa comezará o xoves 26 de marzo coa inauguración oficial a cargo de Carmen Fouces e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto. Os temas a tratar serán o teatro e a escritura, a través de mesas redondas ás que acudirán autores recoñecidos neses ámbitos.

Pola parte da escritura, un dos invitados será Jordi Sierra i Fabra, un dos escritores que máis ten traballado sobre a importancia da lectura na crianza dos nenos e nenas, segundo palabras de Fouces. Entre os obradoiros, destaca un que ten como finalidade detectar o machismo na literatura, a cargo de Susana Arís.

O venres 27 de marzo será a quenda da ilustración, que é moi importante no conxunto do texto que se le, e que funciona como complemento da lectura. Coa presenza dos ilustradores Kiko da Silva e Raquel Senra, que conversarán sobre as claves que manteñen para as súas creacións artísticas.

O terceiro e último día, o sábado 28 de marzo as actividades estarán concentradas na mediación lectora, cunha mesa redonda na que participarán a docente Ángeles Abelleira, a crítica Montse Pena e a escritora pontevedresa Fina Casalderrey. Ademáis, tamén haberá conversas entre outros autores e un recital poético de Lois Pérez. 

Para finalizar, Fouces remarcou que "o salón é máis que unha actividade cultural onde compoñemos proxectos que crean toda a armazón da literatura infantil e xuvenil".

Aquelas persoas interesadas en asistir á programación de 2020 poden consultala na web www.salondolibro.gal a partir do 1 de marzo. Tamén poderán realizarse as inscricións a través do formulario da web. O máximo de prazas que se ofertan este ano son 125.