Lito Portela ofrece na Fundación Manuel Moldes un obradoiro pictórico sobre o mar

Pontevedra
04 de novembro 2025

O artista dirixe na sede desta Fundación en Pontevedra unha sesión de acuarela líquida para público de todas as idades este sábado 8, con inscrición gratuita e prazas limitadas

O artista Lito Portela
O artista Lito Portela / Deputación de Pontevedra - Arquivo

A Fundación Manuel Moldes inicia unha proposta dinamizadora co ciclo "Tecendo redes", unha iniciativa que busca conectar a arte co conxunto da sociedade e promover novas sinerxias a través de actividades abertas.

A presentación do ciclo, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, terá lugar este sábado 8 de novembro ás 18:30 horas na sede da Fundación (rúa Benito Corbal 47, 8º andar; entrada pola rúa Javier Puig 3).

A primeira actividade, titulada "Como construír unha onda contemporánea", será dirixida polo pintor e escultor Lito Portela, artista natural de Coiro.

Portela conta cunha longa traxectoria e unha obra profundamente ligada ao medio natural e ao mar, alternando pintura e escultura nun traballo de constante investigación e experimentación de técnicas e formas. O seu estilo oscila entre o figurativo e o abstracto. Creacións como "A Buguina" no miradoiro de Donón ou as súas esculturas de grandes dimensións en poliéster e aceiro exploran a relación co mar, a natureza e cuestións sociais

O obradoiro sobre acuarela líquida con temática mariña está deseñado para público de todas as idades e fomenta a aprendizaxe colaborativa en disciplinas como debuxo, pintura, banda deseñada ou cine.

A Fundación Manuel Moldes, fiel ao seu propósito de protexer, recuperar e difundir o legado do artista pontevedrés, falecido en decembro de 2017, quere establecer pontes entre a creación artística e a cidadanía, inspirándose no labor docente de Moldes, que foi profesor universitario durante case dúas décadas.

A participación na actividade é de balde pero as prazas son limitadas, polo que é imprescindible inscribirse previamente a través do correo [email protected].