De Love of Lesbian a Depedro, un arranque ao grande para o verán musical en El Náutico

O Salnés
09 de xullo 2025

A próxima gran cita, con permiso dos concertos que aínda son secretos, será este sábado 12 de xullo. La habitación roja ou Delafé y las flores azules encabezarán o festival Ribeiro Son do Viño

Concerto de Love of Lesbian en El Náutico
Concerto de Love of Lesbian en El Náutico / PontevedraViva

Cando aperta a calor que mellor que refuxiarse á beira do mar. E se xa de paso che coincide un bo concerto, a combinación é imbatible. É o que, desde hai moitos anos, ofrece El Naútico de San Vicente do Mar (O Grove). E neste 2025 non ían ser menos.

Tras varias citas previas, entre elas a súa tradicional festa de San Xoán, coa chegada do mes de xullo esta emblemática sala, lugar de inspiración para os artistas e para os amantes da boa música, comezou a desempoar toda a súa artillaría.

E este arranque, apoiado pola súa asociación co festival PortAmérica, estivo á altura do que todos esperaban. Depedro e tres bandas que pisaron antes o escenario da Azucreira -Love of Lesbian, Merino e os uruguaios No te va a gustar- foron o mellor cartel posible.

Os máis esperados, coas entradas esgotadas desde días antes, eran Love of Lesbian. Sobre desde que a banda de Santi Balmes desvelou na súa conta de Instagram que si, que os rumores eran certos, e que tras PortAmérica aínda quedaba outra cita co público galego.

"Temos unha conexión moi heavy con Galicia", recoñecía o líder dos 'lesbianos' durante o seu concerto que, como as grandes ocasións, abandonou o escenario principal de sala e celebrouse coa praia da Barrosa de fondo, en plena comuñón cos espectadores.

Cos primeiros acordes de Domingo astromántico, o tema que elixiron para romper o xeo, quedou claro que o seu concerto sería especial. Non só por ser acústico senón polo seu espírito 'retranqueiro'. Como dixo o propio Santi Balmes, "temos un humor moi parecido ao voso".

Cun bingo improvisado e coa axuda do público, que cantaba os números, as cancións máis coñecidas da banda, esas que son xa himnos xeneracional, soaron unha tras outra: Noches reversibles, 1999, La niña imantada, Segundo asalto ou Incendios de nieve, entre elas.

Non faltaron tampouco temas do seu último disco, entre eles Ejército de salvación -que dá nome a este traballo- ou La hermandad, ou a súa particular homenaxe a Antonio Vega con Lucha de gigantes, que dedicaron "a todos os que tiveron que loitar con algo que foi superior a eles".

Houbo tamén tempo para outros temas como Música de ascensores ou Un día en el parque. Foi antes da traca final, cos responsables da sala pedindo silencio ao público para que gozasen do que estaba por vir.

No bis xa non houbo volta atrás. E chegou a maxia. O diferente. Foi tras Toros na Wii, que deixou a todo El Náutico cantando "fantástico" ao compás da banda, e antes de Allí donde solíamos gritar, o tema que Love of Lesbian elixiu para despedirse.

Faltaba Club de fans de John Boy, unha das súas cancións de referencia. Pero quixeron darlle un aire especial e con Balmes despregando a súa vertente máis 'showman' optaron por interpretala ao máis puro estilo do tango arxentino. Un agasallo que o público tardará en esquecer.

Entre o respectable, un oínte de excepción: Jairo Zabala. O artista que se esconde detrás de Depedro non quixo perderse este concerto. Fíxoo despois de protagonizar el mesmo dous dos bolos programados para esa mesma fin de semana.

Concerto de Depedro en El Náutico
Concerto de Depedro en El NáuticoPontevedraViva

Cando máis abrasaba o sol, ao mediodía, o compositor madrileño subiuse ao escenario de El Náutico acompañado unicamente da súa guitarra. "A miña banda hoxe sodes vós", díxolle ao público. E estes responderon, uníndose aos coros desde o primeiro momento.

Dous concertos nos que, con pequenas diferenzas entre un e outro, Depedro non se deixou nada no tinteiro e emocionou aos seus seguidores, coa arte e a delicadeza que lle caracterizan, cun repertorio cheo de 'hits' que toda a sala sabíase á perfección.

Lo que va pasando e Como el viento, que abriron as súas actuacións, deron paso a temas como Nubes de papel, Hombre bueno, Déjalo ir, Te sigo soñando, Panamericana, Noche oscura, Ojalá, Tu mediodía ou Diciembre e, como non podía ser doutra forma, a súa emotiva versión de Llorona.

E isto non fixo máis nada que empezar. A próxima gran cita, con permiso dos concertos que aínda son secretos, será este sábado 12 de xullo. La habitación roja ou Delafé y las flores azules encabezarán unha nova edición do festival Ribeiro Son do Viño.

Pero o calendario xa está cheo. En xullo e, sobre todo, en agosto con até tres concertos diarios. Deles xa se desvelaron algúns nomes. Fixérono os seus protagonistas a través de redes sociais, saltándose un segredo que xa é marca da casa.

Jero Romero (4 de agosto), Gorka Urbizu (10 de agosto) ou Rufus T. Firefly (25 de agosto) son citas que podemos xa marcar nas nosas axendas. Pero haberá máis. Porque, como cada verán, todos queren estar en El Náutico. Artistas e público. Por algo será.