Lúa Mosqueta, Ismael Ramos e Afra Torrado intervirán na xornada inaugural de Vilagarcía, Cidade do Libro

O Salnés
10 de xuño 2024

As casetas de exposición e venta de libros abrirán as súas portas ás 18.00 horas no Parque Miguel Hernández de Vilagarcía de Arousa

Lúa Mosqueta, Ismael Ramos e Afra Torrado intervirán na xornada inaugural da Cidade do Libro
Lúa Mosqueta, Ismael Ramos e Afra Torrado intervirán na xornada inaugural da Cidade do Libro /

Este martes, 11 de xuño, arranca en Vilagarcía a cuarta edición da Cidade de Libro cunha xornada dedicada á poesía e que leva por título "Cen poemas de amor…" en conmemoración ao centenario da publicación da obra "Veinte cartas de amor y una canción desesperada" de Pablo Neruda. 

Co ‘Literatour’ que continúa coas sesións matutinas para escolares iniciadas o luns, a actividade concentrarase pola tarde cando, a partir das seis, abran as casetas de exposición e venta de libros. 

Recitais, presentacións, actividades para o público familiar, firmas de libros e as esperadas 'Conversas ao Solpor' darán contido á xornada na que intervirán como autores convidados Lúa Mosqueta, Ismael Ramos e Afra Torrado.

Un total de cinco librarías locais, dúas editoriais e unha asociación disporán de caseta na mostra que, para maior comodidade dos participantes, se celebrará este ano nos corredores do parque Miguel Hernández. Son as librarías Follas Novas Arousa, Vidal, Nobel Arousa, Metrópolis Cómics Arousa, Hojas de Lorien, a asociación Mesa das Verbas e as editoriais Vento Norte e Tazalunar Books.

Ademais da venta de libros, os expositores tamén organizarán presentacións e firmas cun horario de 18 a 21 horas.

O 'Recuncho dos Contos' estréase o martes cunha experiencia poética para o público familiar baseada no libro "Animalario de ler a diario". Será o propio autor da obra, Eduard Velasco, o que dirixa a actividade lúdica e literaria e con capacidade para 16 prazas nenos e nenas, que se cubrirán por orde de chegada.

Á mesma hora, pero xa dirixido ao público adulto, comezará no espazo de presentacións, o recital poético "Neruda, namorado e desesperado", organizado pola Mesa das Verbas. Vinte persoas darán voz aos versos do Premio Nobel chileno no acto que tamén contará coa actuación musical de Xosé Duarte.

A actividade trasladarase ás 19 horas ao escenario principal onde Lúa Mosqueta recitará poemas co acompañamento musical de Pablo Seijas. A autora de Miño, xunto con Afra Torrado e Ismael Ramos firmarán libros e, a partir das 20.30 horas, pecharán a xornada cunha 'Conversa ao Solpor' que moderará a xornalista Susana Pedreira. Nela, os autores compartirán experiencias literarias e responderán as preguntas do público asistente.

LISTA DE PARTICIPANTES NO RECITAL DA MESA DAS VERBAS

Lerán poemas de "Veinte cartas de amor y una canción desesperada" a micro aberto Queco, Roberto Abal, Rosario Orive, Al Guanella, Augusto Guedes, Manuel María, Maru Rivadulla, Carmen Castejón, Mª José González, Lois do Salnés, Luismi, Pilar Lojo, Fon, Andrea Fernández, Isabel Peleteiro, Nasuko, Soledad Cabezuelo, Tere Briones, Manuel Lage, Xermán Torres e Jean Carballo recitará Canción Desesperada Xosé Duarte e R. Torrado musicarán os sonetos LXIX e LXX.