Lucía Pérez abre este xoves os concertos de San Xoán

Poio
23 de xuño 2021

A cantante luguesa iniciará o ciclo de recitais este xoves 24  na chaira da Seca a partir das 22.00 horas. Durante os vindeiros días tamén están previstas as actuacións de Susana Seivane, Gustavo Almeida e Nelso Quinteiro

A cantante Lucía Pérez
A cantante Lucía Pérez / LuciaPerezMusic

A cantante luguesa Lucía Pérez será a encargada a partir das 22.00 horas deste xoves 24 de inaugurar os concertos de San Xoán. Será na chaira da Seca dentro das actividades programadas con motivo das Festas patronais.

Para asistir á actuación será obrigatorio o uso da máscara, manterse sentado nas cadeiras instaladas no recinto e gardar distancia de seguridade. A capacidade máxima para os concertos previstos neste ciclo é de 250 persoas, mentres que noutras iniciativas establécese en 50, segundo sinalou o concelleiro responsable de Festas, Xosé Luís Martínez Blanco. Nas instalacións haberá xel  hidroalcohólico para aqueles asistentes que queiran utilizalo.

As actuacións continuarán o venres coa gaiteira Susana Seivane e o sábado co cantante Gustavo Almeida. Os dous na Seca a partir das 22.00 horas. Xa o domingo, o artista Nelson Quinteiro pechará as actuacións a partir das 21.00 horas no mesmo espazo.

Entre o xoves e o sábado, segundo indica o concelleiro, realizaranse a partir das 20.00 horas actuacións de pequeno formato en lugares do municipio como San Martiño, O Pereiro ou Vilariño co dúo Take it Easy, Rudi Dudi e a Escola de Acordeóns de Campelo.

Durante as mañás, diferentes grupos folclóricos encargaranse de realizar pasacalles por San Xoán a partir das 10.00 horas. Os actos relixiosos en honra de San Xoán, Santa Trahamunda e San Fructuoso serán ás 12.00 horas.

Desde o goberno local do Concello de Poio piden a participación cidadá nestas festas con "responsabilidade" e alertan de que estarán pendentes da evolución da situación epidemiolóxica para adoptar as medidas que sexan oportunas. O sábado 26 de xuño, o municipio de Poio entrará no nivel medio de restricións, segundo decretou o comité clínico este martes.