Luis Ventoso e Manuel Bragado, premios Julio Camba e Fernández del Riego 2014

Pontevedra
30 de xuño 2014

Foi a decisión unánime do xurado reunido este luns no Centro Social de Afundación para valorar a XXXV edición do Premio de Periodismo Julio Camba e a XI edición do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, aos que este ano se presentaron 94 orixinais, un 50 por cento máis que na súa edición 2013

Xurado dos premios de xornalismo Julio Camba e Fernández del Riego 2014
Xurado dos premios de xornalismo Julio Camba e Fernández del Riego 2014 / Mónica Patxot

Luis Ventoso Castiñeira polo seu artigo 'Contra todo pronóstico' publicado en La Tercera de ABC e Manuel Bragado Rodríguez polo seu artigo 'Illa Soidade' publicado no seu blog Brétemas e no periódico Faro de Vigo levaranse este ano os premios de periodismo Julio Camba e Fernández del Riego, respectivamente.

Foi a decisión unánime do xurado reunido este luns no Centro Social de Afundación para valorar a XXXV edición do Premio de Periodismo Julio Camba e a XI edición do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, aos que este ano se presentaron 94 orixinais, un 50 por cento máis que na súa edición 2013.

O escritor Alfredo Conde, presidente do xurado, contextualizou o resultado dos premios deste ano na variedade dos medios nos que publican os galardoados en anos anteriores, pois o considera unha demostración da "independencia ideolóxica, partidista e literaria" que caracterizou a ambos os dous galardóns "dende sempre". "Sempre nos movemos nun ámbito de liberdade que segue estando no presente", salientou enfrontando esta situación á que se dá noutros galardóns que se fallan en España, pero sen poñer nome a esta crítica.

De Luis Ventoso destacou que é, ao seu modo de ver, "un dos mellores articulistas que hai en España" e que resulta "grato" poder premiar un xornalista literario como el por un artigo sobre o escritor Marcel Proust (publicado o 14 de novembro de 2013).

De Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais, salientou que é un autor "máis de corte social, máis comprometida coa realidade actual" e que, a pesar de ser editor máis que escritor, escribe o blog Brétema, "que é unha consulta case obrigada para quen se mova na cultura de nós". O autor presentou o artigo polo seu blog, pero tamén se publicou o 24 de decembro de 2013 en Faro de Vigo.

O escritor Víctor Freixanes, director de Editorial Galaxia e tamén membro do xurado, considera que ambos os dous premios demostran que "Pontevedra está no escaparate do xornalismo a nivel internacional" e resaltou que nesta edición xa non só se presentaron artigos publicados en xornais ou revistas en papel, senón tamén en medios dixitais e blogs. Ademais, traspasaron as fronteiras de Galicia e España, pois se presentaron autores de México, Perú, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Chile.

Os premios, concedidos por Afundación e o Ámbito Cultural de El corte Inglés, aínda non teñen data de entrega.