Nos últimos compases do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que pechará as súas portas este domingo, o evento quixo homenaxear dúas figuras que teñen dedicado toda a súa vida ao libro e ao fomento da lectura.
Foron a libreira Luz Gallego 'Nenuca' e o editor Manuel Bragado, que fixeron unha defensa do libro como ferramenta necesaria para mellorar as nosas vidas e o mundo, aprender e transmitir valores e emocións.
A escritora Fina Casalderrey foi a responsable da loanza á libreira, lembrando anécdotas e momentos compartidos ao longo dos anos.
Explicou que 'Nenuca' "é un faro máxico para gran parte da súa veciñanza" que, construíu xunto a Tito un proxecto entusiasta: a Libraría Seijas.
"Foron xardineiros dun verxel ao que entregaron a súa vida", destacou Casalderrey, que afirmou que "moitas mans pequenas aprenderon grazas a eles que os libros tamén abrazan".

Unha emocionada Luz subiu ao escenario para dar resposta a estas fermosas palabras para facer un relato de defensa e posta en valor da literatura infantil e xuvenil.
Subliñou que este recoñecemento de hoxe é froito dun tándem de traballo "centrado no interese por priorizar unha literatura infantil e xuvenil de calidade e unha atención personalizada dende unha pequena libraría de barrio da nosa cidade".
A este respecto, destacou a importancia de achegar a literatura ás crianzas, de empregala tamén como ferramenta terapéutica, para a xestión de emocións, afrontar dificultades e abrir a súa mirada ao mundo e apelou a familias e comunidade educativa.
"Pais, mestres e mesmo irmáns maiores, non deixedes nunca de ler con eles", reclamou.
Pola súa banda, Lois Pérez foi o encargado de compartir anécdotas e vivencias con Manuel Bragado, do que afirmou que "vexo no Manolo, e inspírame, o pacifismo rebelde e antifascista, unha serenidade tenra e combativa, vexo nel un escepticismo esperanzado".
"Se os libros son refuxio, Manolo é unha persoa libro, un persoa refuxio, faro, que ofrecerá consello e boa sombra", sentenciou, e un compañeiro incansable "na tarefa de facer país".

Bragado, pola súa banda, fixo na súa intervención unha defensa da lingua, avogando pola retirada do decreto do bilingüísmo e falando da necesidade do galego na escola, para aprender, xogar e dentro de todos os ámbitos onde se desenvolve unha criatura.
Apoiándose en citas de escritores recoñecidos, puxo en valor as múltiples dimensións positivas da lectura, presentándoa como unha actividade fundamental ao longo de toda a vida, "que vai máis aló de descodificar palabras".
Ademais, recordou que desenvolve o pensamento crítico e constrúe a propia identidade e destacou a súa dimensión social (compartir lecturas), creativa (relación coa escritura) e emocional (fonte de pracer, consolo e imaxinación).
O agasallo, entregado ao final do acto por Orbil acompañado dos familiares, foi unha lámina enmarcada de cada un dos homenaxeados feita polo ilustrador Iván R.
O grupo V de maceta foi o responsable de poñer a nota musical ao evento coas pezas Namoro de Sergio Godinho, Gracias a la vida, Blackbird e Chorona.
