MAC Marín súmase ao circuíto mundial de webseries na cuarta edición

Marín
10 de maio 2025

Esta Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín consolídase como escaparate internacional do audiovisual galego. Esta nova edición vai celebrarse entre o 20 e o 23 de agosto

Proxección de filmes na Finca de Briz   Marin de Cine Club Audiovisual
Proxección de filmes na Finca de Briz Marin de Cine Club Audiovisual / MAC Marín

Marín prepárase para acoller unha nova edición do MAC Marín - Premios John Balan, un evento que se consolidou como espazo do audiovisual galego e que este ano 2025 celebra a súa cuarta edición do 20 ao 23 de agosto, cunha importante novidade: a súa integración no circuíto internacional de festivais que cualifican no ránking mundial de webseries.

O festival, que xurdiu no 2022 como unha iniciativa para achegar o audiovisual e o Novo Cinema Galego á veciñanza de Marín, deu un salto cualitativo este ano ao obter a credencial da WSWC (Web Series World Cup), o que o sitúa no mapa dos certames internacionais con capacidade para cualificar as producións audiovisuais no formato de webseries.

"Tras ter recibido as axudas para Emigrantes Retornados no ano da COVID no 2020, puidemos retomar a nosa actividade dentro do sector audiovisual en Galicia", explica Dani Antelo, impulsor do proxecto que, despois de dous anos asentado en Marín, decidiu crear este espazo adicado ao cinema na vila.

O MAC Marín xorde da fusión de dous eventos que viñan celebrándose con éxito: a Mostra de Cine de Marín, iniciada no 2022, e os Premios John Balan, que celebraron a súa primeira edición no verán do 2023. "Deste xeito, unimos os dous eventos principais que levamos desenvolvidos con éxito, nun só: MAC MARÍN – Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín", sinalan os organizadores.

NOVOS ESPAZOS

Unha das principais novidades desta edición é o lanzamento dunha campaña de crowdfunding para complementar o patrocinio do Concello de Marín. Segundo explican os organizadores, "inda que temos acordado o patrocinio por parte do Concello de Marín e o agradecemos, a cuantía resulta insuficiente para poder albergar todas as actividades que o público marinense merece".

Por este motivo, ademais da campaña de micromecenado que xa pode seguirse a través da ligazón https://vkm.is/macmarin, a organización está en conversas con outros potenciais patrocinadores locais que xa mostraron o seu interese. 

"O noso obxectivo é medrar e organizar o festival cuns recursos que garantan unha boa experiencia tanto para os artistas convidados como para o público asistente", engaden.

O festival utilizará diversos espazos públicos da vila, entre os que destaca o novo Auditorio de Marín, onde está previsto que se realice a entrega dos premios. Esta aposta polos espazos públicos é un dos sinais de identidade do certame desde os seus inicios.

Dani Antelo, Leandro Silva (Dir. Rio WebFest) e Jöel Bassaget (WSWC) nunha das charlas na finca de Briz
Dani Antelo, Leandro Silva (Dir. Rio WebFest) e Jöel Bassaget (WSWC) nunha das charlas na finca de BrizMAC Marín

PROGRAMACIÓN PARA TODAS LAS EDADES

O programa de actividades que se propón para esta cuarta edición inclúe proxeccións dos tres formatos oficiais que compiten no certame —webseries, curtametraxes e longametraxes—, charlas de referentes locais do audiovisual e cinema galego, e obradoiros para a mocidade e os máis pequenos.

Entre as caras confirmadas para esta edición destaca Nuska Chousa, quen "xa nos transmitiu as ganas de compartir a súa sabedoría cos máis afeccionados ao coidado da horta", sinalan os organizadores.

Ademais, e como é tradicional no festival, haberá un espazo dedicado a John Balan e ao seu humor. "Contaremos tamén este ano coa actuación dalgunha performance tipo clown para ofrecer algo diferente ao que fixemos os dous últimos anos coa actuación dos monólogos de Marta Doviro ou Arantxa Treus. Este ano darémoslle un xiro a este espazo", adiantan.

O MAC Marín - Premios John Balan cumpre catro anos adicados a fomentar e dar valor ao audiovisual autóctono e internacional no casco urbano e parroquias do Concello de Marín. A súa evolución desde a primeira edición da Mostra de Cine de Marín no 2022 ata a actual configuración como festival internacional con capacidade para cualificar webseries no circuíto mundial demostra o crecemento e a consolidación deste proxecto.

As persoas interesadas en participar na competencia do MACM - Premios John Balan poden consultar as bases e visitar a web oficial www.mac-marin.com, onde atoparán toda a información necesaria para inscribir as súas producións.