O Teatro Principal acollerá o vindeiro sábado, 8 de novembro, unha representación "única" da obra Os vellos non deben de namorarse de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha peza colorista e coral que implica a 60 persoas.
Trátase dunha macroproducción impulsada por Os de Algures que implica á Aula Municipal de Teatro, Tramoias de Algures, Tarabelo Teatro, Cafuné, Soalleira e Leña ás Ferreñas.
José Luís Rodríguez, fundador da asociación de gaiteiros Os de Algures e integrante de Sete Espadelas, explicou este venres que é resultado dun complexo traballo de documentación que permitiu representar "quizáis a achega máis real ao que Castealo deseñou" de todas as adaptacións que se fixeron desta obra desde a súa estrea en Buenos Aires en 1941.
É unha representación "novidosa" porque "contempla todo o que Castelao deseñou dalgún xeito para a representación da obra", explica, pois o autor de Rianxo "non só escribiu a obra, tamén fixo os debuxos e as pinturas dos personaxes".
A través da investigación da obra de Castelao, "sabemos como quería que foron vestidos, que cores tiñan que levar ese vestiario, como tiñan que ser as entradas e as saídas nas escenas e tamén esa escenografía que el deseñou porque tamén era pintor".
Deixou tamén escrito que coplas quería que se cantasen e outro dos aspectos novos desta adaptación é "poñer a música a esas coplas, facer arranxos para esas foliadas, para esas muñeiras coreadas que están descritas no texto".

Desta forma, aínda que é unha obra transcendental para o teatro galego que leva moitísimas representacións nos últimos 84 anos, nunca antes se representou así.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, explicou que, á hora de deseñar esta representación, utilízase a escenografía e o vestiario deseñados polo propio Castelao. Unido á "elegancia con que Os de Algures, Sete Espadelas e, neste caso, tamén a Aula Municipal de Teatro levan adiante estes proxectos", o edil conclúe que é "un luxo" de espectáculo ao que anima a acudir a todos os pontevedreses e pontevedresas.
Será, para José Luís Rodríguez, "unha oportunidade única para ver esta obra dun xeito diferente", un espectáculo para lembrar.
A representación forma parte da programación do Ano Castelao en Pontevedra e está prevista para as 20.30 horas do 8 de novembro con entrada de balde até completar aforamento.
