A cantante estadounidense Madeleine Peyroux, una das voces máis recoñecidas do jazz das últimas dúas décadas, será a encargada de pechar o ciclo Xacobeo Importa cun concerto que se celebrará este sábado 15 de outubro en Pontevedra.
Cantante e compositora atemporal cun talento indiscutible, Peyroux actuará no Pazo da Cultura de Pontevedra cunha xira moi especial, na que repasará ao completo o seu disco máis aclamado, Careless Love, editado en 2004.
Imprevisible e cunha personalidade enigmática, grazas á súa particular voz e á súa sensibilidade, esta artista converteuse nunha auténtica revolución no jazz vocal feminino, chegando a ser cualificada pola crítica como "a Billie Holiday do século XXI".
O seu concerto en Pontevedra será a única actuación en Galicia da que é, segundo os expertos, un dos talentos vocais máis persoais, expresivos e sedutores do jazz actual.
O ciclo Xacobeo Importa reuniu este ano a máis dunha decena de artistas de renome internacional, todos eles con datas exclusivas en Galicia e moitos deles actuando por primeira vez nos escenarios galegos.
Polo seu escenario pasaron bandas de referencia como Simple Minds ou artistas carismáticos como a raíña da música brasileira Marisa Monte ou Pat Metheny, a lenda viva do jazz, xunto coa estrela mundial do soul Leon Bridges.
Joan As a Police Woman, Eagles of Death Metal, White Lies, The James Hunter Six, a danesa Agnes Obel, a americana LP e Jacob Collier completaron os concertos do ciclo.