O maior torreiro de baile tradicional de Galicia quere relucir na Ferraría

Pontevedra
18 de xuño 2025
Actualizado: 14:40

O Concello de Pontevedra e a Asociación Cultural Trépia organizan "Aquí bailase", unha iniciativa que incluirá tres obradoiros previos e unha gran festa final o 18 de agosto coincidindo coa conclusión das Festas da Peregrina

Integrantes de Trépia con Demetrio Gómez
Integrantes de Trépia con Demetrio Gómez / Concello de Pontevedra

A clausura das Festas da Peregrina será a ritmo de muiñeira. O 18 de agosto, a praza da Ferraría aspira a transformarse no maior espazo de baile tradicional galego, grazas á iniciativa "Aquí bailase", un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación Cultural Trépia.

O edil de Festas, Demetrio Gómez, presentou este mércores a proposta, facendo un chamamento explícito a toda a cidadanía: "Convocamos a todos os bailadores e bailadoras deste país, e tamén a aqueles que aínda non o somos".

A proposta contempla converter a emblemática praza pontevedresa no "mellor e maior torreiro de toda Galiza" para unha celebración colectiva dos bailes tradicionais galegos.

Para facilitar a participación de persoas de todos os niveis, a organización programou tres obradoiros previos durante o verán. Estas sesións formativas, de dúas horas cada unha, estarán dirixidas por profesores recoñecidos como Carla Cecilia Riquelme, Cecilia Pastoriza e Álvaro Carballo.

Os obradoiros celebraranse en diferentes localizacións: o 12 de xullo no Burgo, o 26 de xullo no Gorgullón e o 9 de agosto no Mercado de Abastos, sempre en horario de 11:00 a 13:00 horas.

Conchi Pereiro, representante de Trépia, destacou durante a presentación que a iniciativa busca "promover o baile tradicional galego entre a cidadanía de Pontevedra e todos os que se queiran achegar do arredor e fóra de Pontevedra".

Segundo explicou, os obradoiros están abertos a persoas de todas as idades e niveis, "dende a xente que saiba ata a que non saiba, nenos, nenas, maiores", animando a todo o mundo a participar sen medo.

A xornada grande do 18 de agosto comezará ás 19:00 horas cun obradoiro na propia praza da Ferraría, onde se ensinarán os pasos básicos para que calquera poida sumarse á festa.

A continuación, ás 21:00 horas, será a propia Asociación Cultural Trépia quen amenice a velada coas súas pandereiteiras, pandereiteiros e gaiteiros, fomentando a participación do público en xotas, muiñeiras e bailes agarrados como o vals.

O obxectivo final, segundo destacaron os organizadores, é que o maior número posible de persoas coñeza os pasos básicos dos bailes tradicionais galegos para poñer en valor este patrimonio inmaterial.