Maioría de idade de Culturgal, un "soño colectivo" convertido na "maior festa da cultura galega"

Pontevedra
28 de novembro 2025
Actualizado: 29 de novembro

Serán tres días de literatura, música, teatro, cine, danza, arte contemporánea ou baile, sendo o mellor "escaparate" para avanzar todo o que protagonizará a tempada cultural de 2026

Inauguración de Culturgal 2025

A que promete ser a edición máis ambiciosa na historia de Culturgal, xa abriu as súas portas. A Feira das Culturas Galegas volve demostrar a forza creativa de Galicia e faino, demais, aproveitando o que, segundo os seus responsables, é un momento "inmellorable".

Culturgal, que co paso dos anos foi "medrando e transformándose", reivindicou o seu presidente, Víctor López, é desde hai tempo "o evento transversal máis grande do país".

"Esta é a maior festa da cultura galega", reivindicou López, que celebrou que esta feira poida "derrubar os muros" entre as distintas disciplinas culturais e converterse nunha "casa común" onde todas estas expresións "conviven e se potencian mutuamente".

Neste 2025, a feira chega á súa maioría de idade, dezaoito edicións do que é un "soño colectivo" onde o público e os creadores culturais "vibran ao unísono", presumindo dun presente e dun futuro "que debemos coidar entre todos".

Na súa inauguración de Culturgal participou, entre outras autoridades, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que destacou que "é un orgullo" que un proxecto cultural deste nivel se celebre na cidade de Pontevedra.

Inauguración de Culturgal 2025Cristina Saiz

Subliñou que, nun momento no que a sociedade está "tan acelerada e crispada", a cultura debe ser un "punto de nexo e unión" e converterse nun "faro que nos ilumine" nos momentos, como os de agora, de "maior tormenta social".

Galicia, segundo López Campos, está nun momento dunha "enorme eclosión cultural", grazas a unha "chuvia fina" que está a regar todo o ámbito da cultura e que permite que "agromen moitas iniciativas non territorio" que son, engadiu, "ambiciosas e extraordinarias".

Para o titular de Cultura no goberno galego, é importante "impulsar e proxectar" a cultura galega "cara a todos os lugares", xa que esta identidade é unha "riqueza colectiva", polo que apelou a que todas as administracións colaboren para "ir no camiño correcto".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou pola súa banda a súa satisfacción porque a cidade se converta, un ano máis, "na casa do Culturgal", mostrando "en toda a súa extensión" a potencia do sector cultural galego.

Inauguración de Culturgal 2025Cristina Saiz

"Que Culturgal estea en Pontevedra non é unha casualidade", asegurou Fernández Lores, que subliñou a aposta "decidida" que realiza o seu goberno por investir en cultura "co talento do país como base" e que contribúe a situar á cultura galega "no máis alto".

Durante os próximos tres días, máis de 750 profesionais do sector cultural reúnense no Pazo da Cultura, onde o público poderá gozar dunha extensa programación con preto de 225 propostas diferentes e máis dun centenar de expositores.

Serán tres días de literatura, música, teatro, cine, danza, arte contemporánea ou baile, converténdose así no mellor "escaparate" que avanzará todo o que protagonizará a tempada cultural en Galicia durante o próximo ano 2026.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora