Máis de 11.000 persoas achegáronse á figura de Alejandro de la Sota no Museo

Pontevedra
28 de maio 2018

A mostra converteuse nunha das máis exitosas dos últimos anos.Ao acto de apertura da mostra acudiran 200 persoas, mentres que no mes de abril acudiron un total de 5.758 persoas e no de maio 5.057 

Mostra 'Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996. Construírse/Construír'
Mostra 'Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996. Construírse/Construír' / Deputación de Pontevedra

Un total de 11.015 visitantes achegáronse ao Museo de Pontevedra para visitar a mostra 'Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996. Construírse/Construír' desde a súa inauguración o 6 de abril ata que este domingo pechou as súas portas.

A mostra converteuse nunha das máis exitosas dos últimos anos. Ao acto de apertura da mostra acudiran 200 persoas, mentres que no mes de abril acudiron un total de 5.758 persoas e no de maio 5.057. 

Trátase dunha exposición que tiña o atractivo de expoñer material inédito sobre o arquitecto e de desenvolver a súa etapa de formación na cidade de Pontevedra, un aspecto que non fora obxecto de ningunha exposición anterior. Está dedicada a Alejandro de la Sota e programouse aproveitando que foi a figura homenaxeada neste ano pola Real Academia de Belas Artes no Día das Artes Galegas. 

O total dos edificios visitables do Museo contabiliza 41.282 visitantes desde o inicio deste ano 2018, o que supón case 2.000 máis que o pasado ano nas mesmas datas. O deputado de Cultura e Lingua da Deputación Provincial, Xosé Leal, destacou que o traballo rigoroso do equipo do Museo e os pasos que dan para ampliar e diversificar a programación sen perder a perspectiva dun Museo histórico "están dando os seus froitos en canto a número de visitantes", que se van incrementando ano a ano.

O maior número de visitantes corresponde aos Edificios Sarmiento e Sexto, con 27.355 visitantes o que supón o 66,3%. Séguenlle as Ruínas de San Domingos, co 32,8% das visitas, que corresponden a 13.550 persoas. Hai que ter en conta que abriron ao público o 24 de marzo, despois do habitual peche da tempada de inverno. Ademais, a Sala de Investigación do Edificio Fernández López foi utilizada por 377 persoas, o que supón o 0,9% das visitas. 

Este ano 2018 o mes que máis visitas acumulou foi o de abril, con 13.994 persoas, seguido do de maio con 11.824.